O VIII Congreso da CIG-Ensino celebrarase o sábado 13 de novembro no Auditorio de Galiza

Delegadas/os e membros do Consello Federal fixarán os obxectivos para os próximos 4 anos
Nacional - 05 Nov 2021

A CIG-Ensino presentou esta mañá o seu VIII Congreso, que terá lugar o vindeiro 13 de novembro no Auditorio de Galiza, baixo o lema “Imos” e coa indicación certa de que o camiño que seguirá a percorrer será na defensa dun ensino centrado no país, por un profesorado con dereitos e baixo a premisa da igualdade. Na véspera da sesión do Congreso terá lugar un Encontro Sindical  coas delegacións internacionais convidadas na que se realizará unha análise sobre os retos que afrontan os respectivos sistemas educativos e da resposta sindical a eses retos.

O VIII Congreso do sindicato vai acoller no Auditorio de Galiza a 200 delegados e delegadas que comezarán a sesión ás 10 horas. A apertura do congreso irá seguida do informe da Executiva Federal e votación deste para posteriormente, e xa baixo a dirección da Mesa Presidencial electa ao efecto, debater e votar os Estatutos, o relatorio de acción sindical e, finalmente as candidaturas que se presenten nos tres procesos abertos: a renovación da Secretaría Nacional, da Executiva Federal da CIG-Ensino e da representación da federación no Consello Confederal da CIG.

No acto de clausura, que comezará aproximadamente ás 13:30 horas intervirán as delegacións convidadas, será a presentación das candidatas e candidatos electos, a votación das resolucións do Congreso e a intervención do secretario xeral da CIG. O peche final estará a cargo da persoas que sexa elixida secretaria ou secretario nacional de CIG-Ensino.

Un Encontro Sindical para falar de educación e sindicalismo

Baixo a denominación ‘Encontro Sindical. Educación e sindicalismo: panorama e retos’, as  diferentes organizacións sindicais de fóra de Galiza convidadas ao 8º Congreso do sindicato participarán neste foro de debate e posta o día sobre a situación que atravesan os respectivos sistemas educativos e a resposta sindical que se debe dar desde o soberanismo, no caso das organizacións das nacións sen estado convidadas, así como da maior organización sindical docente de Portugal.

O acto dará comezo ás 17:00 horas no Edificio Cersia, en San Lázaro (Compostela) e nel participarán a FENPROF (Federação Nacional de Professores de Portugal), SPN (Sindicato de Professores do Norte), ELA, LAB, CSC-Intersindical de Catalunya, STPV-Intersindical Valenciana e CIG-Ensino.

Renovación na Executiva Federal

Aínda que o prazo para presentar candidaturas non remata até 48 horas antes do Congreso xa sabemos que neste VIII Congreso se vai producir, cando menos, unha renovación do 25% das súas integrantes, xa que deixarán de formar parte dela tres dos seus actuais integrantes: Suso Fernández Rivas, Suso Diz e María Rodriguez. Se unimos esta renovación á efectuada hai catro anos a renovación do órgano executivo da CIG-Ensino se terá renovado nun 60% nestes últimos anos, o que para Suso Bermello, actual secretario nacional e que optará á renovación no Congreso, “é un bo exemplo da magnífica canteira sindical coa que conta a CIG-Ensino”.

Relatorio centrado na referencialidade e na fortaleza do sindicato

O relatorio de acción sindical, ferramenta de traballo para guiar o traballo dos próximos catro anos, fai fincapé en varios aspectos determinantes:

  • Nunha análise do contexto político, educativo e normativo actual e nas alternativas desde a perspectiva sindical
  • Na defensa dun modelo educativo en clave nacional que non se vexa coartado pola limitacións centralizadoras
  • Na necesidade de dotármonos dunhas bases para unha Lei galega de Educación
  • Na importancia de reforzar e consolidar o modelo sindical da CIG-Ensino: combativo, asembleario, de contacto directo e non suplantador do profesorado.
  • Na defensa do ensino público como garante dunha educación en equidade, con valores asentados na galeguización do ensino, no feminismo e a coeducación, na laicidade, na atención á diversidade, na democracia interna, na participación na toma de decisións ou na gratuidade e a calidade educativa, entre outros principios básicos.

No obxectivo de manter a referencialidade como sindicato no ensino público, tanto na ampla maioría representativa que se nos vén dando nas eleccións sindicais como no importante medre afiliativo e na solvencia económica que, xunto coa aplicacións dos principios ideolóxicos que conformar o cerne da nosa razón de ser, garanten unha total independencia fronte a calquera posíbel inxerencia do poder político ou económico.