O VIII Encontro Nacional de Mulleres da CIG avanza os preparativos para a folga de Mulleres do 8 de Marzo

Corral: “Non queda máis camiño que a loita incómoda, ten que haber cambios reais xa”
Nacional - 24 Feb 2021

O VIII Encontro Nacional de Mulleres da CIG reuniuse esta mañá, na recta final cara a folga de Mulleres convocada para o vindeiro 8 de Marzo, para facer unha última posta en común sobre a situación actual e concluír os preparativos de cara a esa data. O encontro viuse reducido en canto a participación por mor das obrigadas limitacións derivadas da situación sanitaria, mais co aforo completo que permitía a sala, aínda que a xuntanza resultou igualmente combativa e participativa que noutras edicións.

Na primeira parte do Encontro a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, e a responsable do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López expuxeron os datos máis relevantes do Informe da situación sociolaboraldas mulleres en Galizano ano 2020 e as graves consecuencias que a pandemia tivo para as traballadoras.

Un informe no que os datos, segundo explicou Natividade López, evidencian como foron as mulleres quen se viron obrigadas a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento até o punto de rematar, o ano 2020, con 10.200 máis dedicadas a ‘labores do fogar”.

Por iso Corral afirmou que “imos á folga porque estamos cansas de precariedade, dos abusos, de que o capital sexa quen xestione a crise, de que poñan as nosas vidas en risco, porque ten que haber cambios reais xa, porque pese a pandemia, os dereitos das mulleres non poden nin deben estar en corentena”.

Responsabilidade dos gobernos da Xunta e do Estado

A secretaria das Mulleres denunciou a situación, tanto laboral como asistencial das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar… “Servizos que o goberno da Xunta de Galiza vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerables”.

Xunto a isto demandou que os recursos e servizos de atención ás persoas pasen a ser revalorizados “garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e en condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados”.

Folga de Mulleres 8m2021

A segunda parte do encontro centrouse na convocatoria de folga e nos preparativos da xornada.  Avaliouse o traballo desenvolvido até o momento pola CIG e puxéronse en común os asuntos debatidos nas asembleas de mulleres convocadas até o de agora e o resultado da negociación dos servizos mínimos, ademais das previsións de participación nas marchas, concentracións e mobilizacións axustadas aos requisitos derivados das restricións sanitarias.

Nese sentido Corral salientou que pese a especial situación derivada da pandemia, o feminismo de clase foi quen de incrementar o número de mobilizacións con respecto ás convocadas durante a folga do 2019, achegando a convocatoria ás vilas, ademais de promovela nas cabeceiras de comarca, co obxectivo de garantir a participación de todas as mulleres no lugar que lles é máis próximo, evitándolles longos desprazamentos.

Tamén subliñou a importancia de “sermos quen de darlle unha visión de país ás nosas reivindicacións, de situar Galiza no mapa mundial do combate”, agradecendo “o inxente traballo desenvolvido polas traballadoras durante as últimas semanas para garantir unha xornada reivindicativa, divulgando esta ferramenta revolucionaria que é a folga, e asegurando que se visibilice no espazo público as nosas denuncias e reivindicacións”.

Ademais chamou a secundar a folga e as mobilizacións convocadas tanto pola CIG como por Galegas8m para denunciar a sobreexplotación; a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego; a das que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración; a explotación das traballadoras do comercio, dos sectores sociosanitarios; os abusos ás traballadoras dos centros de chamadas, ás traballadoras do fogar; a situación das que tiveron que renunciar a salarios “por ter que coidar da súa familia” ou os despedimentos “realizados de xeito oportunista por unha patronal que veu na pandemia a oportunidade para liquidar os seus contratos”.

Mais tamén para denunciar que as mulleres son as máis prexudicadas pola fenda dixital ou pola analfabetización electrónica “que tanto nos dificultou no acceso a axudas e prestacións”; as pensións miserentas ou os riscos asumidos “por falta de equipos de protección mesmo nos servizos esenciais” e lembrou que “a crise sanitaria pagámola as mulleres co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, curando, coidando”.

Xunto a isto subliñou que a CIG tamén convocou a folga de mulleres porque o goberno do estado “foi incapaz de blindar os dereitos de conciliación das persoas traballadoras, e de poñer as vidas no centro das políticas públicas, e en pleno confinamento, en pleno peche das escolas e dos centros de atención a persoas con diversidade funcional, a única medida que puxo en marcha foi a de permitir reducións de xornada de até o 100% para que as persoas traballadoras asumíramos de balde os coidados que o estado deixou de garantir”.

Por todo iso concluíu que esta situación xustifica a necesidade “posiblemente máis que nunca na historia recente, de saírmos á rúa e para denunciar celebracións hipócritas por parte dos gobernosque teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos, e pola contra, fan pagar a crise sanitaria maioritariamente ás mulleres”.

Tras as numerosas intervencións das participantes, deuse por concluído o Encontro dando lectura a un fragmento de Lieders, para conmemorar o 184 nacemento de Rosalía de Castro, referente para o feminismo galego e de clase.