O XI Encontro de Mulleres da CIG acorda centrar o 8M na defensa de salarios e pensións dignas, dos servizos públicos e contra a precariedade

Nacional - 25 Xan 2023

Arredor de 160 delegadas da CIG participaron este mércores no XI Encontro Nacional de Mulleres que decorreu no salón de actos da Deputación de Lugo. Na xuntanza acabouse de definir a campaña e as mobilizacións de cara ao próximo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, con especial atención á defensa do sistema público de pensións ante a nova reforma que prepara o Goberno e a ameaza a ampliar a 30 anos o período para o cálculo das contías.

Unha medida que, alertou a secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, persigue empobrecer aínda máis as pensións e que impactará de xeito especial nas mulleres por canto as súas carreiras de cotización adoitan ser inferiores ás dos homes, tanto no número de anos traballados como polos salarios máis baixos que perciben con respecto aos homes.

Neste senso, apuntou que as mulleres seguen a soportar as taxas de parcialidade máis elevadas, máis temporalidade e un maior desemprego. Unha precariedade que se traduce en ingresos máis baixos e menores cotizacións. A isto súmaselle que, de xeito maioritario, son as mulleres as que continúan solicitando as reducións da xornada por coidado ou mesmo abandonan o seu emprego para facerse cargo destas tarefas.

Estas peores condicións penalizan as mulleres á hora de percibir unha pensión e a día de hoxe, alertou Castro, "a fenda as pensións está no 34,5%, é dicir, a pensión media dunha galega é 375,6 euros menor cá pensión media dun galego".

Por iso, neste XI Encontro fíxose unha aposta decidida pola mobilización para evitar este novo retallo ás pensións "xa que o único obxectivo de ampliar o período de cálculo é rebaixar as contías entre un 6 e un 8%". Ese era o obxectivo tamén da reforma aprobada en 2011, cando o PSOE, co aval de CCOO e UGT, atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos. Unha reforma contra da que, lembrouse, a CIG convocou unha folga xeral en solitario.

Castro denunciou que "hai unha estratexia deseñada que nada ten a ver cos fondos da caixa das pensións, senón que vai destinada a diminuír as contías para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados. As pensións públicas hai que defendelas porque foron unha conquista da clase traballadora, ninguén nolas regalou".

Eixos da campaña do 8 de Marzo

Relacionado co dereito a unha pensión digna, as delegadas da CIG tamén acabaron de definir os eixos que centrarán a campaña da Secretaría para o próximo 8 de Marzo: loitar por uns salarios dignos para facer fronte á carestía da vida, combater a precariedade laboral e as novas formas de explotación e defender uns servizos públicos de calidade.

Debateuse sobre como a carestía da vida e o estancamento dos salarios están afectando ás mulleres traballadoras, e analizáronse os efectos da reforma laboral neste primeiro ano da súa aprobación. Sobre este punto, alertouse dos efectos perversos que está a ter no mercado laboral, nomeadamente sobre as mulleres, pois a temporalidade que se supuña ía evitar vai camiño de empeorar, substituíndose os contratos eventuais polos fixos-discontinuos.

Esa modalidade -que antes estaba limitada a situacións moi concretas- estase ampliando a todos os sectores co agravante de que tamén a están aplicando as empresas de traballo temporal (sen relación laboral coa empresa na que prestan o servizo e con peores condicións). A isto engádese unha alarmante extensión da parcialidade, que afecta principalmente ás mulleres, que afonda na precariedade laboral e salarial. "A pobreza vai ter máis cara de mulleres ca nunca", alertouse.

Outra das patas que marcará a campaña o 8 de Marzo será a defensa e a recuperación dos servizos públicos fronte ás políticas de deterioro e privatización que o Goberno do PP na Xunta leva anos practicando, que teñen abocado ao límite servizos esenciais como a sanidade ou a atención sociosanitaria. Neste campo, a CIG reivindicará tanto unhas condicións laborais e salariais dignas para as traballadoras destes sectores (altamente feminizados) como uns servizos públicos de calidade, universais e gratuítos.

Actitude combativa nos plans de igualdade

Dende a secretaría das Mulleres aproveitouse o Encontro para lanzar tamén un chamamento a ter a mesma actitude combativa e reivindicativa na negociación dun plan de igualdade que na negociación dun convenio colectivo. "De igual xeito que convocamos folgas e mobilizacións para termos un convenio digno temos que facer o mesmo nos plans de igualdade, porque son unha ferramenta tan importante para a mellora das nosas condicións laborais como os convenios colectivos", aseverouse.

Nesta liña, subliñouse que estes plans deben recoller medidas reais, concretas e efectivas para avanzar na igualdade real e rematar coas discriminacións e non entenderse como un simple trámite  para que as empresas cumpras coas súa obrigas legais. Animouse tamén a rachar coa idea de que os plans de igualdade representan unha cuestión menor no ámbito da negociación colectiva ou que "son cousas de mulleres".