O Xulgado anula as multas impostas ao secretario comarcal da CIG-Ourense e a un traballador de Aspanas Termal

A Audiencia Provincial xa revogara a sentenza contra un membro da Executiva Confederal acusado de desobediencia á autoridade
Vigo - 13 Mai 2016
O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense vén de anular as penas de multa ás que condenara ao secretario comarcal da CIG, Etelvino Blanco, e ao traballador de Aspanas Termal Gumersindo Delgado. A Audiencia Provincial xa revogara a sentenza contra Anxo Pérez Carballo, membro da Executiva Confederal, acusado de desobediencia á autoridade.

Os feitos polos que foron condenados os representantes sindicais e o traballador tiveron lugar na primavera de 2015 durante a ocupación simbólica das termas de Outariz, no marco do conflito laboral aberto en Aspanas Termal, cando un policía nacional tivo unha actitude desmesurada e provocadora cos membros da CIG e cos empregados/as.

A sentenza da Audiencia e do Xulgado arquivan definitivamente as actuacións, “o que vén a significar que tiñamos razón cando afirmamos que a actuación dos representantes da CIG e dos traballadores/as de Aspanas Termal estaba circunscrita ao ámbito da acción sindical e da liberdade de expresión”, salientan dende a central.