O xulgado dálle a razón ás profesoras do conservatorio e condena o Concello de Monforte a contratalas a xornada completa

Monforte - 08 Nov 2022

O xulgado do Social 1 de Lugo vén de recoñecer os dereitos das profesoras do conservatorio municipal de Monforte, ás que até agora o Concello mantiña discriminadas nas súas condicións laborais e salariais. A sentenza, que xa é firme, dálle a razón as traballadoras en todas as súas reivindicacións e condena o Concello a recoñecerlles a xornada completa de 37,5 horas e abonarlle as diferenzas salariais deixadas de percibir dende xaneiro de 2018.

As profesoras do Conservatorio Profesional de Música 'Mestre Ibáñez' levan anos pelexando para que se recoñeza a xornada completa (e a retribución salarial correspondente), xa que estaban a 30 horas semanas e non a 37,5 horas á semana, tal e como estabelece a Orde da Consellaría de Educación que regula a xornada de traballo do persoal docente (funcionario e laboral) que imparte as ensinanzas reguladas.

O Concello elaborou, no ano 2021 un Regulamento de Funcionamento do Conservatorio sen negociar co persoal docentes nin co Comité de Empresa (aínda que as e os docentes son persoal laboral), entrando a regular materias reservadas ás leis orgánicas e á normativa autonómica sobre as que non ten competencia e vulnerando dereitos fundamentais do profesorado, alumnado e nais e pais, susceptíbeis de amparo constitucional.

De feito, as catro profesoras demandantes xa estaban de facto realizando xornada completa, pois ademais do tempo de traballo recoñecido nos seus contratos, dedicaban horas a maiores para a corrección de exames, preparación das aulas, actividades fóra do centro, perfeccionamento etc., que non eran retribuídas polo Concello.

Non obstante, o Concello de Monforte mantiña a estas profesoras cun contrato de 30 horas semanais, só pagándolles 26h, e negábase a incrementarlles a xornada ao legalmente estabelecido, alegando que as traballadoras estaban a interpretar de maneira errónea a normativa e invocando as normas e a xurisprudencia que mellor lle conviña en cada momento.

Agora, o xulgado dálle a razón as traballadoras en todas e cada unha das súas reivindicacións e condena o Concello de Monforte a pórlle o contrato a xornada completa co incremento nas retribucións que isto conleva, así como a abonarlles as diferenzas salariais deixadas de percibir en todo este tempo por non querer recoñecerlle os seus dereitos.

Cómpre salientar que as diferenzas só afectaban a estas catro profesoras, posto que os docentes homes cobran correctamente polas horas que traballan. Ademais, hai que subliñar o trato discriminatorio que o Goberno municipal de Monforte outorga ao persoal do conservatorio a  nivel retributivo, a tal punto que, aínda sendo do mesmo grupo, co mesmo nivel e os mesmos trienios, a diferenza salarial entre o que perciben os profesores e profesoras do conservatorio e o resto do persoal do Concello supera os 10.000 euros ao ano.