O xulgado desestima o recurso da familia Franco contra o arquivo da causa contra os/as 19 de Meirás

As persoas denunciadas reivindican a acción simbólica e reclaman que o Pazo sexa devolto ao pobo galego
Betanzos - 12 Abr 2022

As e os 19 de Meirás, grupo de persoas denunciado pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco pola acción simbólica realizada no 2017 no Pazo de Meirás, informaron este martes de que o xulgado de Instrución nº 2 de Betanzos desestimou o recurso presentado contra o arquivo e sobresemento da causa aberta contra estes e estas activistas.

Desde as e os 19 de Meirás celebran a decisión do xulgado de Betanzos reiterando o sobresemento e arquivo da causa. Fronte a esta decisión aínda cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

As e os activistas denunciados reiteraron “a reafirmación no acto simbólico realizado aquela mañá de agosto de 2017 para reclamar o que é de xustiza: que o Pazo ten que ser devolto ao pobo galego” explicaron. “Por moito que os herdeiros da ditadura franquista intenten acalar a voz das e dos demócratas que denunciamos o espolio do franquismo non o van conseguir” concluíron.