O Xulgado de Ourense recoñece o dereito dunha empregada de Coasa a traballar na quenda de mañá para poder coidar as fillas

"As empresas teñen que analizar as circunstancias da persoa solicitante para conciliar vida laboral e familiar"

Ourense -

O Xulgado do Social número 3 de Ourense vén de facer pública a sentenza mediante a que se condena a compañía aeronáutica Coasa a ter que permitir que unha empregada desenvolva o seu traballo unicamente na quenda de mañá para poder coidar as súas fillas. A sentenza, contra a que non cabe recurso, lembra que as empresas teñen que valorar as circunstancias da persoa solicitante para garantir o dereito a conciliar a vida laboral e familiar.

A empregada, delegada da sección sindical da CIG na firma con sede no Parque Tecnolóxico, presentara unha denuncia contra Coasa unha vez que a dirección lle denegou a posibilidade de traballar unicamente na quenda de mañá e non a tres quendas como o resto de compañeiros/as para poder atender as súas crianzas. A empresa opuxérase a esta petición alegando causas organizativas e argumentando que xa lle permitira unha redución de xornada e que facelo sería discriminatorio co resto de persoas que nun futuro puidesen reclamalo.

Mais a sentenza recolle que a empresa terá que valorar as circunstancias de cada solicitude, e entende que neste caso se dan as condicións que fan necesario que a traballadora se acolla á quenda de mañá: as crianzas van xa ao colexio, onde os horarios son menos flexíbeis que na gardería, e a súa parella traballa fóra do país, o que fai imposíbel que poida facerse cargo do coidado das nenas. 

A sentenza, contra a que non cabe recurso, chega grazas á loita e á determinación amosada pola traballadora co apoio da CIG

A decisión xudicial lembra que se ben o establecemento dunha quenda fixa non é un dereito absoluto do traballador/a, o Estatuto dos Traballadores/as recoñece o dereito do empregado/a a adoptar a duración e distribución da xornada que lle permita facer efectivo o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar, aínda que condiciona esta decisión á negociación colectiva ou ao acordo co empresario/a.

Pero aclara que en calquera caso se teñen que analizar as circunstancias concretas de cada solicitude, valorando en que medida a redución de xornada resultaba necesaria para a atención dos menores e cales son as dificultades organizativas que o seu recoñecemento pode provocar, instando a facer unha interpretación flexíbel.

Dende a federación de Industria da CIG de Ourense valoran moi positivamente o resultado do xuízo celebrado o pasado 29 de novembro e agardan que a sentenza, que chega grazas á loita e á determinación amosada pola traballadora co apoio da central sindical, abra o camiño para o resto de compañeiros/as da empresa de cara a que se lles garanta o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar.

Volver