• Nova

O xulgado declara a condición de persoal laboral fixo de 9 traballadores/as do GES de Ponteceso

A sentenza evidencia a precariedade e a fraude laboral nos servizos públicos que están a fomentar as distintas administracións
Ponteceso - 30 Xul 2020

O xulgado do Social número 6 da Coruña vén de declarar como persoal laboral fixo do Concello de Ponteceso a nove traballadores e traballadoras do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, recoñecéndolle unha antigüidade dende 31 de xullo de 2013, ano no que se asinou o primeiro convenio entre a administración local, a Xunta e a Deputación para a prestación deste servizo con base en Ponteceso.

O tribunal considera que a fraudulenta contratación á que estaba sometido este persoal, con contratos temporais por obra ou servizo que se renovan ano a ano dende 2013; xunto coa realización de funcións permanentes e o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á súa praza, tras superar un proceso público de selección sen que consten nas bases da súa convocatoria referencia a temporalidade algunha, converten a estes traballadores/as en persoal laboral fixo do concello.

Precariedade dos servizos públicos

Para a CIG esta resolución é unha evidencia máis da irresponsábel concepción que as administracións (tanto a Xunta, como os concellos, a FGAMP e as deputacións) teñen destes grupos de emerxencias e o escaso interese por dotar dunha estrutura de persoal profesionalizada e estábel e con medios materiais suficientes a estes servizos públicos básicos que atenden, de xeito maioritario, ás zonas rurais.

Que esta situación de fraude na contratación dáse de forma xeneralizada nos GES reflícteo a propia sentenza cando recolle que diferentes xulgados do Social e o TSXG teñen ditado resolucións declarando a fixeza da relación laboral dos traballadores e traballadoras cos concellos que prestan o servizo.

Nesta situación de precariedade dos distintos GES mestúranse, por un lado, o obxectivo da Xunta de dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas ás que non chegan os parques de bombeiros; e por outra, os concellos, co visto bo das deputacións e FGAMP, acollen estes grupos co obxectivo de dispor de persoal barato para a realización de todo tipo de labores. Pois non cómpre perder de vista que, aínda que o GES está financiado ao 100% pola Xunta e as deputacións, quen xestiona o servizo e o persoal contratado par tal fin é o concello no que se localiza a base.

En calquera caso, a CIG denuncia que para todas estas administracións o de menos é ofrecerlle á poboación uns servizos de emerxencias eficientes, profesionais e correctamente equipados, sendo o persoal e a cidadanía quen paga os custes deste desleixo.

Por iso, dende a CIG tamén se anima a todo o persoal dos GES con contratos en fraude de lei a denunciar e reclamar nos xulgados que se lle recoñezan os dereitos laborais que as administracións lles denegan.

Ademais de Ponteceso, este GES tamén atende a zona de Bergantiños, prestando servizo aos concellos de Cabana, Laxe, Malpica e Coristanco.