O xulgado declara abusivos os servizos mínimos decretados polo Concello de Vigo na folga de Vitrasa

O comité reclámalle por carta ao Goberno local que reduza a porcentaxe para os vindeiros paros
Vigo - 09 Dec 2021

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo vén de remitirlle unha carta ao Concello solicitando a redución da porcentaxe dos servizos mínimos decretados para as xornadas de folga convocadas xa que o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 declarou abusivos os da folga de outubro.

A representación sindical entende que estes servizos mínimos “desproporcionados” vulneran o dereito a folga e unicamente atenden aos intereses patronais, tal e como constata a resolución xudicial. Ademais, baralla a posibilidade de solicitar unha indemnización polo prexuízo xerado. 

O comité denunciou na Inspección os últimos contratos ao entender que vulneran o dereito de folga

Ao mesmo tempo, o comité de empresa denunciou diante da Inspección de Traballo as contratacións realizadas neste período ao entender que que vulneran o dereito de folga. E critica que se estean reducindo as frecuencias de paso e mesmo eliminando liñas, o que na súa opinión está a degradar o servizo “ante a pasividade do Goberno local”. Neste senso, censura que esta sexa “a tónica xeral” en gran parte das concesións de Avanza, grupo propietario de Vitrasa.

Finalmente, lembra que a folga que na actualidade se desenvolve os venres e os sábados pasará a ser indefinida de luns a venres excepto festivos a partir do próximo luns día 13. “A empresa abandonou as negociacións a primeiros do mes de novembro sen que haxa data para unha nova xuntanza”.