O xulgado declara nulo o ERTE de Guidoni Quartz e ordena a inmediata restitución dos contratos suspendidos
O xulgado do Social nº 1 de Ferrol vén de declarar nulo o expediente de regulación temporal de emprego presentado por Guidoni Quartz Spain para a fábrica de Narón por considera que as causas alegadas pola empresa non están suficientemente acreditadas. A xustiza confirma así as denuncias da CIG durante todo o proceso de negociación do ERTE e ordena a inmediata restitución dos contratos de traballo suspendidos.
O ERTE que actualmente Guidoni ten vixente na fábrica de Narón afecta a todo o cadro de persoal de maneira rotativa e ten unha duración máxima de seis meses. Nestes momentos, preto dun terzo dos traballadores e traballadoras están en situación de suspensión de contrato.
Ademais de considerala unha medida inxusta, o secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG, Marcos Sánchez, lembra que durante o período de consultas a empresa non presentou toda a documentación estabelecida na normativa “e a información que nos achegou foi totalmente insuficiente. Por iso decidimos impugnar o ERTE”.
Salienta que, a pesar das reiteradas solicitudes, a empresa non acreditou de forma clara e concreta as causas organizativas e produtivas e tampouco especificou o número de persoas afectadas, a clasificación profesional nin os criterios de selección. “A normativa en materia de expedientes de regulación é laxa e favorábel aos intereses patronais, pero aínda así, a empresa nin sequera foi capaz de cumprir cos requisitos básicos”, valora.
Agora o xulgado do Social confirma a nulidade do ERTE iniciado o 20 de xuño, obriga a inmediata restauración dos contratos de traballo suspendidos, así como ao pago dos salarios deixados de percibir polas persoas afectadas ou, no seu caso, ao abono das diferencias con respecto ao importe das prestacións por desemprego que poidan estar percibindo. A sentenza aínda pode ser recorrida no TSXG, polo que, avanza Sánchez, “estaremos vixilantes aos movementos da empresa e actuaremos en consecuencia”.
Neste senso, o responsábel da FCM-CIG de Ferrol insiste na necesidade de pór en marcha un plan de viabilidade e de investimentos que garanta a continuidade da actividade produtiva e dos 122 empregos. Porque, “como xa lle advertimos á dirección, este ERTE non vai solucionar os problemas de subministración e mala organización que vén arrastrando a planta de Narón dende hai tempo”.