O Ministerio de Defensa vulnerou a liberdade de expresión dos bombeiros do Arsenal de Ferrol

A administración impuxo faltas disciplinarias tras denunciar publicamente a carencia de medios
Ferrol - 17 Dec 2021

Dúas recentes sentenzas do Xulgado do Social de Ferrol resolven contra o Ministerio de Defensa pola vulneración do dereito á liberdade de expresión de dous bombeiros do Arsenal Militar, aos que se lle impuxeron faltas disciplinarias por denunciar ante a opinión pública as carencias de medios humanos e materiais necesarios para desenvolver o seu traballo.

 O comité do persoal laboral da Administración xeral do Estado na provincia da Coruña subliña que o persoal do Servizo de emerxencias e extinción de incendios leva moito tempo reclamándolle aos responsables do Arsenal os medios precisos para garantir a seguridade nesa instalación. Reclamacións que, engaden, tiveron que levar até o xulgado" para que lle proporcionaran os equipos e vestimenta regulamentaria para a extinción de incendios".

O comité de empresa presentou varios escritos solicitando medidas por parte do Ministerio para resolver estas deficiencias, "sen que por parte da administración se tomara ningunha iniciativa nestes últimos anos". Aínda máis, sinalan, "nunha entrevista cos responsables desta instalación, trasladóusenos a súa preferencia pola eliminación deste servizo".

Desmantelamento do servizo

A realidade, é que o cadro de persoal desta unidade non fixo máis que diminuír, sen que se incorporaran efectivos en máis de dez anos. "Os equipos téñenos que reclamar continuamente a través de denuncias no xulgado, e en vez de solucionar estas situacións, dende o Arsenal optan pola represión contra os poucos traballadores que

quedan en forma de expedientes disciplinarios sen xustificación, intentos de modificacións unilaterais das súas condicións de traballo etc.", denuncian.

Advirte o comité que nestes momentos parece que a intención dos xestores deste organismo "é a de substituír os bombeiros profesionais por persoal militar, do que descoñecemos se ten a formación e cualificación precisas para prestar un servizo que ten como obxectivo garantir a seguridade e o auxilio das miles de persoas que traballan no Arsenal de Ferrol".

O comité critica este tipo de prácticas intolerábeis por parte dunha administración pública, reclaman o cese inmediato das persecucións e que se garanta o servizo nas condicións humanas e materiais adecuadas.