O Xulgado do mercantil aproba o concurso de Poligal pero non a proposta de liquidación da fábrica

Este xoves tivo lugar a primeira xuntanza entre o administrador nomeado e o comité
Ferrol - 21 Mar 2019

O administrador que se encargará do proceso concursal de Poligal informou esta mañá ao comité que o Xulgado do mercantil aprobou o concurso de acredores solicitado polo Grupo Perelada pero non a proposta de liquidación da fábrica de Narón. Así mesmo, nesta primeira xuntanza coa representación social, o administrador garantiu o pago da nómina de marzo a todo o persoal.

Para a CIG-Industria, dentro do actual contexto, estas novas resultan en certa medida positivas, no sentido de que non aceptar a liquidación por parte do mercantil dálle máis tempo ao administrador para valorar opcións de continuidade da fábrica, "aínda que sabemos que calquera alternativa será con outra empresa".

Neste senso, subliña Alberte Amado, do xulgado ter avalado a proposta de liquidación, "hoxe o administración posibelmente tería aparecido cun ERE de extinción debaixo do brazo. Deste xeito, será a propia Poligal quen teña que tutelar o proceso de peche e implicarse na busca dun comprador". En todo caso, aseverou, "nós seguimos defendendo que Poligal é viábel e que ten futuro".

Dende a Administración concursal tamén se informou que disporán dun enxeñeiro encargado de valorar as instalacións e as posíbeis alternativas de futuro. Ademais, segundo explicou, en paralelo, a  Xunta de Galiza nomeou tamén unha consultoría para avaliar a situación da fábrica, do mercado e as alternativas.

Precisamente, mañá venres 22 de marzo, ás 16:30 horas constituírase a mesa técnica proposta pola Consellaría de Industria para tentar buscar inversores e evitar o peche da fábrica. A CIG-Industria critica que a convocatoria "chega tarde, cando xa hai 15 días que nos reunimos co conselleiro e están en xogo 108 postos de traballo directos".