O Xulgado do Mercantil dálle a razón á CIG e obriga a valorar as tres ofertas de compra de Thenaisie

A central insiste na necesidade de garantir a continuidade da unidade produtiva e do emprego
O Grove/Mos - 03 Set 2021

O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra vén de darlle a razón á CIG e obriga a ter en conta as tres ofertas de compra da conserveira Thenaisie Provoté, con centros de traballo no Grove e Mos. Dende a FGAMT-CIG insisten na necesidade de garantir a continuidade da unidade produtiva e o mantemento do maior número de postos de traballo posíbeis.

A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, compareceu hoxe en rolda de prensa en Vilagarcía xunto a representantes da central sindical na compañía -coa presidenta do comité do Grove á cabeza- para dar conta da resolución do Xulgado do Mercantil número 2. Abuín agradeceu a labor da xuíza substituta, que mediante un decreto habilitou agosto para resolver o tema e nun mes resolveu desatascou o concurso de acredores. “Nun mes fíxose o que non se fixera en ano e medio”, valorou. 

A contestación ao sindicato minoritario na empresa non lla vou dar eu, xa lla dá a xuíza na resolución

Ao mesmo tempo, salientou en que o auto lle dá a razón á CIG, polo que “a contestación ao sindicato minoritario na empresa non a vou a dar eu, senón que lle dá a xuíza na resolución avalando o que nós vimos reclamando, que non é outra cousa que se acepten as tres propostas de compra que hai enriba da mesa, e que estas tiñan que axustarse a dereito.

Abuín fixo fincapé en que a lei concursal está para avalar a continuidade da unidade produtiva e manter todos os postos de traballo posíbeis, e o auto da xuíza incide neste sentido. En consecuencia, vanse valorar as tres ofertas existentes: de Maquinaria Tomás Guillén, Canet Ferrero Inversiones e Conservas Rías Baixas.

Segundo detallou, esta última oferta ía condicionada, algo que a xuíza rexeitou, polo que a empresa fixo un recurso que se resolveu ao seu favor. “É unha oferta importante, que hai que ter en conta, xa que mantén 77 postos de traballo e a continuidade da unidade produtiva”, indicou.

Satisfacción do cadro de persoal

Tanto a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés como a presidenta da comité da fábrica do Grove, Rosa Domínguez, amosaron a súa satisfacción e a do persoal da empresa pola existencia das tres ofertas e polo feito de que agora se vaian ter en conta as tres, ao tempo que lembraron que o plan de liquidación establece que unha vez que hai tres ofertas irase unha poxa. “Non quere dicir que quen máis cartos ofreza vaia quedar coa empresa, senón que se terá en conta o mantemento da unidade produtiva e do emprego”.

Reiteraron que a mellor oferta será a que máis emprego manteña e a que garanta a unidade da compañía, integrada por dous centros de traballo. Con todo, será a xuíza a que decida cal é a máis favorábel. Pero antes serán os bancos, que teñen o crédito privilexiado, os que teñen que aprobar as ofertas. “Supoñemos que o van facer, porque do contrario non estarán apoiando o tecido económico e industrial”. Por iso se aventurarona adiantar que Thenaisie non vai pechar e que continuará coa súa actividade ligada a unha destas tres empresas.

Finalmente, trasladaron a súa satisfacción polo resultado de tantos meses de loita e de xestións para manter o emprego e evitar o desmantelamento industrial dunha comarca como a do Grove.