O xulgado do mercantil paraliza temporalmente o ERE de Poligal

Tras da parte social reclamar a presenza do resto das fábricas do grupo na mesa de negociación
Narón - 20 Mai 2019

O xuíz do Mercantil de Barcelona que leva o concurso de Poligal comunicou o pasado xoves a paralización temporal do expediente de extinción de contratos mentres avalía se debe participar tamén na mesa de negociacións unha representación das fábricas que a empresa ten Portugal e Polonia. Esta é unha das demandas que a parte social vén facendo dende a presentación do ERE, ao entender que as distintas plantas forman un mesmo grupo. E así o requiriu por escrito a CIG no xulgado do mercantil, que agora deberá aclara este punto.

Aínda que se descoñece por canto tempo permanecerá suspendido o período de consultas, polo pronto, as reunións previstas para esta semana xa foron desconvocadas. Neste senso, Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, subliñou a importancia de que o propio xuíz valore a necesidade de incorporar á representación do resto das fábricas, tendo en conta a vinculación que existe entre todas elas tanto a nivel organizativo como produtivo. Ademais, lembrou que arredor do 70% da débeda coa que Poligal pretende xustificar o peche é con outras plantas do grupo, que á súa vez teñen pendente de abonarlle á fábrica de Narón contías por valor de case oito millóns de euros.

"Non ten xeito avanzar no concurso sen a presenza dos responsábeis de todas as empresas do grupo e que se vexa a situación destas en conxunto", sinala Amado, quen apunta á importancia de gañar tempo de cara a facilitar unha alternativa de futuro para a planta de Narón.

Por iso mesmo, dende a representación dos traballadores e das traballadoras xa se ten solicitado tamén que o período de consultas non se limite aos 30 días recollidos na lexislación. Ademais, no caso de que o xuíz determinara que na mesa do ERE ten que haber representación de todas as fábricas "habería que retrotraer todo o proceso de negociación ao primeiro día".

Xuntanza da mesa técnica

A pasada semana tivo lugar tamén unha nova xuntanza da mesa técnica creada no IGAPE para a busca de inversores que dean continuidade á fábrica de Poligal. Por parte da Administración informouse que se continúa a traballar na busca de posíbeis interesados (neste momento hai tres posíbeis proxectos) e adiantouse que unha das empresas pediu máis datos e ten intención mesmo intención de visitar a planta nas vindeiras semanas.

Diante disto, dende a CIG-Industria reclamaron a Xunta intensificar os contactos e as xestións e á administración concursal que dea tempo suficiente para facilitar que as posíbeis alternativas se convertan en realidade.

Así mesmo, a central critica que, malia as boas palabras do delegado do Goberno na reunión do pasado 8 de maio, nin dende a Delegación nin dende o Ministerio de Industria se puxeron en contacto coa representación do persoal para informar das xestións que se comprometeron a realizar.