• Nova

O Xulgado do Social de Vigo acolle o proceso contra un ex encargado da empresa Plastic Omnium por acoso a unha traballadora

A afectada denunciou tanto ao seu ex superior xerárquico como á compañía con sede en Redondela
Redondela - 25 Mar 2022

O Xulgado do Social número 7 de Vigo acolle este martes 29 de marzo a partir das 10:00 horas o xuízo por acoso laboral con agravante de xénero a unha traballadora de Plastic Omnium por parte dun ex encargado da empresa do sector da automoción con sede en Redondela.

No xuízo -que fora suspendido con aterioridade en dúas ocasións- dirimirase a denuncia presentada pola afectada contra a compañía e contra o ex encargado responsábel do acoso, de cuxa defensa se encarga unha avogada de CCOO. 

O xuízo terá lugar este martes 29 ás 10:00 horas

A empresa e o acusado intentaran chegar a un acordo coa traballadora o pasado 4 de xuño, data na que inicialmente ía ter lugar o xuízo, ofrecéndolle unha cantidade económica a modo de indemnización. A cambio, o acusado quería que constase que non asumía os cargos e solicitaba que a afectada renunciase a calquera tipo de acción xudicial posterior. En consecuencia, a traballadora rexeitou o acordo, polo que o proceso xudicial seguiu o seu curso.

As demandas contra Plastic Omnium e o encargado presentáronse despois de que a afectada denunciase diante da empresa que estaba a ser obxecto de acoso laboral e por razón de sexo. A raíz desta denuncia activouse un procedemento de investigación interno que determinou a existencia de acoso e que derivou en medidas contra o acusado, como a perda da súa condición de encargado.

Faltas de respecto, persecución e control

A comisión instrutora da denuncia trasladoulle á empresa e necesidade de establecer medidas para a prevención e o tratamento de acoso que a dirección non levou a cabo.

Segundo explican dende a CIG, o acoso comezou unha vez que o acusado, que mantivera unha relación sentimental coa traballadora no pasado, foi nomeado encargado, e polo tanto superior xerárquico da afectada.

“Entón comezan os comentarios sexistas, as humillacións, as faltas de respecto, a persecución e o control constante, até o punto de que era obrigada a facer labores que non podía realizar e a asumir unha carga de traballo desproporcionada con respecto ao resto do persoal”, sinalan.