O xulgado declara a nulidade do calendario de vacacións do ano 2020 da residencia de maiores de Sarria

Ao non ser negociado nin cumprir o establecido no convenio colectivo

Sarria -

O xulgado do Social nº 2 de Lugo vén de emitir sentenza declarando a nulidade do calendario de vacacións do ano 2020, despois de que a CIG presentara demanda de conflicto colectivo contra unha resolución do 30 de xaneiro emitida polo concelleiro de Benestar Social no que, de forma unilateral, limitaba os períodos refelexados no convenio para poder gozar as vacacións.

A sentenza dá a razón á CIG na súa demanda, dado que por unha parte non se negociou o calendario coa representación legal dos/as traballadores/as e por outro as datas decretadas para o goce das vacacións  incumpren o estipulado no convenio colectivo da residencia. "Esta sentenza reflexa claramente os métodos caudillistas co que se dirrixe a residencia na actualidade", advirte Lois Neto, secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña.

A CIG espera e demanda que desde o goberno do Concello de Sarria "se cambie a actitude con respecto ás relacións laborais na residencia, dado que desde a entrada deste goberno e de Benjamín Escontrela como responsábel da residencia, a política de persoal consistiu en decisión unilaterais de recortes de dereitos e de prevendas a certo persoal como pago de favores políticos pola participación en plataformas impulsadas polo propio Escontrela", denuncia.

A central sindical entende que o persoal da residencia debe de ter os mesmos dereitos que o resto do persoal do Concello, e deben de atender aos principios de igualdade, mérito e capacidade, "algo que se na residencia se está a incumprir de forma flagrante na dirección desta, tendo en conta que desde inicios de ano está a praza sen cubrir nin convocar, sendo esas funcións desenvoltas de forma encuberta por unha persoa que non cumpre os requisitos para as funcións de dirección".

Volver