Declarado improcedente o despido dunha traballadora do asilo do Carballiño afiliada da CIG

A central sindical esixiralle ao Padroado da Fundación Hermanos Prieto que readmita a afectada
O Carballiño - 13 Out 2022

A CIG vén de facer pública a sentenza do Xulgado do Social de Ourense que declarou improcedente o despedimento dunha dunha traballadora do asilo do Carballiño afiliada da central sindical. Tras a decisión xudicial a CIG esixiralle ao Padroado da Fundación Hermanos Prieto, presidida polo Bispo de Ourense, que opte pola readmisión da afectada.

A sentenza chega no marco da conflitividade laboral que se vive no centro como consecuencia do acoso laboral e da represión sindical que a nova xerencia está a exercer sobre as empregadas máis antigas co obxectivo de “converter en negocio” un asilo que naceu con fins dicíaos a comezos do século XX. Para iso hai dous anos a Fundación que o xestiona contratou a unha nova directora, Nuria Iglesias, á súa vez presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense. 

As accións reivindicativas continuarán este venres día 14 coa celebración dunha rolda de prensa diante do Bispado de Ourense ás 12:00

Dende entón a central sindical ten presentado distintas denuncias para que se respecten as condicións de traballo do cadro de persoal e se cumpra a normativa en materia de atención ás persoas maiores, cuestións que foron verificadas tanto pola Inspección de Traballo como pola Xunta de Galiza.

Neste contexto producíronse varios despedimentos do persoal con maior antigüidade, e cando as traballadoras comezaron a sindicarse Iglesias despediu a unha traballadora á que consideraba voceira, que tivo que ser readmitida tras a demanda presentada pola CIG, explican dende a CIG de Ourense.

A Fundación, despois de levar perdidas máis de 20 sentenzas no Xulgado do Social por incumprimento do convenio, “ xa non vai ao Xulgado, concilia”, e tal e como sinalan dende a central sindical, o que decidiu foi poñer en marcha unha política de sancións disciplinarias, chegando, no caso de dúas traballadoras, ao despedimento. Unha política de acoso e de presións malia a que as traballadoras déronlle á CIG 2 das 4 delegadas que se elixían nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar.

Campaña de mobilizacións

Esta situación obrigou á central sindical a iniciar unha campaña de mobilizacións en demanda da readmisión das despedidas e do cese da “política de acoso e derrubo” do persoal. Deste xeito, desde hai máis dun mes a CIG vén desenvolvendo concentracións e ocupacións da Catedral, do Bispado e do Concello para demandar do Padroado da Fundación que asuma a súa responsabilidade e actúe para frear o novo modelo de negocio que se está montando no asilo.

A campaña de protestas continuará este mesmo venres día 14 diante do Bispado coa celebración dunha rolda de prensa a partir das 12:00 horas, “porque xa que o bispo non nos quere recibir trasladarémoslle as nosas reivindicacións”.