O xulgado do contencioso estima o recurso da CIG e anula a modificación da RPT do Concello de Verín

A sentenza entende que se vulnerou o dereito á negociación colectiva
Verín - 09 Dec 2019

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense anulou o pasado luns día 2 a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Verín por vulneración do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical, estimando o recurso contencioso administrativo interposto pola CIG.

Esta sentenza supón a anulación de varios postos que foran creados: un de Técnico/a Informático/a, grupo A1, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 15.067,92 euros; un de Técnico/a de Recursos Humanos, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 16.689,54 euros; dous de Técnicos/as de Xestión Económica, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 16.689,54 euros; e outro de Enxeñeiro/a Industrial Superior, cun complemento de destino 26 e complemento específico de 18.851,70 euros. 

A decisión xudicial vai supoñer tamén a anulación de parte da Oferta Pública de Emprego de 2019

Alén da anulación deste postos, a decisión xudicial vai dar lugar á anulación de parte da Oferta Pública de Emprego (OPE) aprobada polo Concello para o 2019, ao incluírse na oferta os postos agora anulados polo xulgado.

Na Unión Local da CIG de Verín sinalan que dende que o Goberno local (PSOE-BNG) incumprira en 2016 o acordo alcanzado cos sindicatos para a actualización da RPT municipal e a renovación dos convenios colectivos, as relacións laborais no ente local non poden ir peor. “Predicar está moi ben, pero mellor dar trigo; que a un goberno progresista lle anulen os acordos que adopta por falta de negociación é como para que os seus socios repensen se se pode seguir a vender progreso a base de decretazos, como fixo durante anos o PP no Concello”.

Diante disto, ofrécense aos responsábeis municipais para abrir unha negociación “sincera e real” sobre as cuestións pendentes de persoal que lle interesan aos cidadáns/ás e aos traballadores/as municipais. “Se se segue a bloquear a negociación, será o grupo de Goberno o único responsábel do que poida vir”, rematan.