Ofensiva planetaria contra a seguridade social

Alejandro Teitelbaum - 26 Feb 2020

A ofensiva planetaria contra a seguridade social e os dereitos dos traballadores non é conxuntural e temporal, como pretenden ou pensan algúns, senón que é inherente ao sistema capitalista no seu estado actual e é -mentres o capitalismo perdure- irreversíbel, estrutural e permanente

  1. Segundo as épocas, as culturas, as civilizacións e a situación económico-social, o “problema” que significan os vellos “resólvese” de distintos xeitos. Algúns pobos nómades deixaban os vellos á beira do camiño e certos pobos sedentarios levábanos lonxe do poboado e abandonábanos cun pouco de comida e auga. Pero tamén en todas as épocas, distintos pobos, recoñecendo as virtudes propias da ancianidade, como a experiencia e a sabedoría, coidaron e respectaron os vellos.

 As sociedades modernas inventaron as xubilacións, con sistemas diversos que van desde asegurarlles unha codia de pan aos vellos cando xa non poden traballar máis e están ás portas do cemiterio (se non morreron antes no seu posto de traballo) até proporcionarlles unha remuneración relativamente confortábel cando aínda poden gozar un pouco da vida, descansando e/ou ocupándose das cousas que lles interesan.

  1. Pero desde hai uns cantos anos hai unha ofensiva xeneralizada contra a seguridade social.

 A explicación é que, como resultado da concentración e acumulación do capital, tivo lugar a formación de grandes oligopolios e monopolios cuxa base financeira se consolidou desde finais do século XIX e primeiros do século XX coa fusión do capital industrial e o capital bancario.

 A hexemonía actual do capital financeiro é o resultado dun cambio profundo da economía mundial a partir do decenio de 1970, momento que marca a fin do Estado de benestar, caracterizado pola produción en masa e o consumo de masas, impulsado este último polo aumento do salario real, e pola xeneralización da seguridade social e doutros beneficios sociais. É o que os economistas chaman o modelo “fordista”, de inspiración keynesiana, caracterizado na produción polo traballo en cadea (taylorismo), iniciado en Estados Unidos e que se estendeu a Europa sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial.

 O esgotamento do modelo do Estado de benestar obedeceu a varios factores entre os que cómpre salientar dous: a reconstrución da posguerra, que serviu de motor á expansión económica, chegou ao seu remate e o consumo de masas tendeu a estancarse ou a diminuír o mesmo que os beneficios empresariais. Tamén afectou o “shock” petroleiro de comezos dos anos 70. Para dar un novo impulso á economía capitalista e reverter a tendencia decrecente da taxa de beneficios, fíxose necesario incorporar a nova tecnoloxía (robótica, electrónica, informática) á industria e aos servizos e iso requiriu grandes investimentos de capital.

 Alguén tiña que pagar a factura. Comeza entón a época da austeridade e dos sacrificios (conxelación dos salarios e das xubilacións, empeoramento das condicións de traballo, aumento da desocupación, deterioro dos servizos públicos, etc.) que acompañaron á reconversión industrial. Ao mesmo tempo, a revolución tecnolóxica nos países máis desenvolvidos impulsou o crecemento do sector servizos e produciuse o desprazamento dunha parte da industria tradicional aos países periféricos, onde os salarios eran -e son- moito máis baixos.

III. Coa incorporación das novas tecnoloxías a produtividade aumentou enormemente, é dicir, que co mesmo traballo humano a produción pasou a ser moito maior.

 Abríronse logo dúas posibilidades: ou incitábase o consumo de masas dos bens tradicionais e dos novos bens a escala planetaria cunha política salarial expansiva, unha política social ao estilo do Estado de benestar, reducíase a xornada de traballo en función do aumento da produtividade para tender a unha situación de pleno emprego e recoñecíanse prezos internacionais equitativos ás materias primas e produtos dos países pobres, ou tendíase a manter e a aumentar as marxes de beneficio conservando baixos os salarios, o nivel de ocupación e os prezos dos produtos dos países do Terceiro Mundo.

 A primeira opción sería factíbel nun sistema de economías nacionais, nas que a produción e o consumo se realiza fundamentalmente dentro do territorio e daquela é posíbel o pacto social de feito entre os capitalistas e os asalariados en tanto consumidores. Pero no novo sistema “mundializado” a produción destínase a un mercado mundial de «clientes liquides» e xa non interesa o poder adquisitivo da poboación do lugar de produción.

 Nas condicións da mundialización acelerada, os donos do poder económico e político a escala mundial coa súa visión de «economía-mundo» e de «mercado global» apostaron pola segunda alternativa (baixos salarios, baixos niveis de ocupación, liquidación da seguridade social, prezos baixos para as materias primas, etc.) para elevar a súa taxa de beneficios.

 Esta opción tivo como consecuencia acentuar as desigualdades sociais no interior de cada país e no plano internacional. A idea de servizo público e dun dereito irrevogábel aos bens esenciais para vivir cun mínimo de dignidade, foi substituída pola afirmación de que todo debe estar sometido ás leis do mercado(1).

 Predominaron entón taxas de crecemento económico baixas, por mor de que un mercado relativamente estreito impoñía límites á produción e xurdiu o fenómeno das grandes masas de capitais ociosos posto que non podían ser investidos produtivamente.

  1. Pero para os donos dos devanditos capitais (persoas, bancos, institucións financeiras) non era concibíbel deixalos arrombados sen facelos frutificar.

 É así como o papel das finanzas ao servizo da economía, intervindo no proceso de produción e de consumo (con créditos, empréstitos, etc.) quedou relegado polo novo papel do capital financeiro: producir beneficios sen participar no proceso produtivo.

 Este último aspecto concrétase basicamente de dous xeitos.

 Un consiste en que os investidores institucionais xestores de fondos de pensións, as compañías de seguros, os organismos de investimento colectivo e os fondos de investimento compran accións de sociedades industriais, comerciais e de servizos ([2]). Eses grupos financeiros pasan a intervir así nas decisións de política das empresas co obxecto de que o seu investimento produza a alta renda esperada, impoñéndolles estratexias a curto prazo. E o outro xeito en que crece o papel do capital financeiro especulativo é que os grupos financeiros (fondos de investimento, etc.) invisten na especulación (por exemplo cos chamados produtos financeiros derivados) e o mesmo fan as empresas industriais, comerciais e de servizos con parte dos seus beneficios, en lugar de facelo no investimento produtivo.

 Así se xeneralizou a práctica de obter beneficios creando produtos financeiros ou adquirindo os xa existentes e facendo con eles operacións especulativas.

 Ademais dos produtos financeiros tradicionais (accións e obrigacións) creáronse moitos outros. Entre eles os produtos financeiros derivados, que son papeis cuxo valor depende ou «deriva» dun activo subxacente e que se colocan con fins especulativos nos mercados financeiros. Os activos subxacentes poden ser un ben (materias primas e alimentos: petróleo, cobre, millo, soia, etc.), un activo financeiro (unha moeda) ou mesmo unha cesta de activos financeiros. Así os prezos de materias primas e de alimentos esenciais xa non dependen só da oferta e a demanda senón da cotización deses papeis especulativos e dese xeito os alimentos poden aumentar (e aumentan) de xeito descontrolado en prexuízo da poboación e en beneficio dos especuladores.

 Por exemplo cando se anuncia que se fabricarán biocarburantes os especuladores “anticipan” que o prezo dos produtos agrícolas (tradicionalmente destinados á alimentación) aumentará e entón o papel financeiro (produto derivado) que os representa cotiza máis alto, o que repercute no prezo real que paga o consumidor polos alimentos.

 Os investimentos en produtos financeiros implican diversos niveis de risco. Coa esperanza de cubrir os devanditos riscos inventáronse unha complexa serie de produtos financeiros que inflan cada vez máis a burbulla e afástana aínda máis da economía real.

 Chesnais escribe: “os investidores financeiros, como así tamén os bancos centrais creron ter finalmente unha técnica milagreira que garantía ao sistema bancario contra o risco: a titulización xeneralizada. Que é esta titulización (en francés “titrisation”, aínda que a expresión orixinal en inglés é “securitization”)? Pois consiste en “transformar as acrenzas en mans de establecementos de crédito, sociedades financeiras, compañías de seguros ou sociedades comerciais (as contas-cliente) en títulos negociábeis”. Estes títulos teñen nomes estrafalarios pero é obrigado mencionalos. Están en primeiro lugar os RMDS (Resiential Mortgage Backet Securities), vinculados aos empréstitoos inmobiliarios. Están logo os CDS (Credit Default Swaps), derivados de crédito que implican a transferencia con xuros e elevadas comisións do risco ligado á posesión de obrigacións de empresas (estes CDS eran instrumentos de cobertura de risco, pero pasaron a ser instrumentos de colocación especulativa). Están finalmente os CDO (Collateralized Debt Obligations), que son “títulos derivados de títulos” que supoñen dúas operacións sucesivas de titulización e unha total opacidade sobre a composición do “produto sintético”(3).

 Michel Drouin, pola súa banda, escribe: «O desenvolvemento dos fluxos de capitais internacionais, impulsado pola desregulación e a descompartimentación case xeral dos mercados financeiros, fixo dos anos 80 o decenio da mundialización financeira... As operacións financeiras, cuxo volume estaba xa desconectado do volume das transaccións en bens e servizos, fixéronse autónomas, é dicir movidas non pola lóxica das transaccións correntes senón pola dos movementos de capitais. A esfera financeira baseou o seu desenvolvemento sobre ela mesma a partir da procura dun beneficio xurdido da variación dos prezos dos seus propios instrumentos. O carácter especulativo desta lóxica de crecemento permite falar do xurdimento dunha economía internacional da especulación»(4).

 Con esta «economía internacional da especulación», acelerouse a acumulación de grandes capitais en poucas mans a expensas sobre todo dos traballadores, dos xubilados e dos pequenos aforradores.

 No caso das participacións do capital financeiro (fondos de pensións, compañías de seguros, fondos de investimento, bancos, etc.) en industrias e servizos, a elevada renda que esixen e obteñen os devanditos capitais está fundada na degradación das condicións de traballo nesas industrias e servizos. É ben coñecido o fenómeno de que cando unha empresa anuncia despedimentos as súas accións soben.

 Estas foron as formas en que o capital transnacional mantivo e mantén unha alta taxa de beneficios e un acelerado ritmo de acumulación e concentración a pesar do crecemento económico lento e da existencia dun mercado restrinxido(5).

 A base permanente da economía capitalista é o capital produtivo, sen o cal o capital financeiro non podería existir.

 Por esa razón o gran capital transnacional non só desempeña o papel principal no sistema financeiro senón que participa en actividades produtivas nas esferas máis diversas: desde a extracción de materias primas ata a prestación de toda clase de servizos (Bancos, seguros, saúde, comunicacións, información, fondos de pensións, etc.) pasando pola produción dunha gran variedade de mercadorías: bens de consumo inmediato como os alimentos, bens durábeis como automóbiles, etc., e tamén na esfera da investigación en todas as ordes, especialmente na tecnoloxía avanzada: electrónica, enxenaría xenética, etc.

 A enorme acumulación de beneficios por parte do capital financeiro parasitario preténdese xustificar con teorizacións verbo de que o diñeiro e outros produtos financeiros son creadores de valor.

 Pero o problema é que o diñeiro non é un valor senón que representa un valor. E que o valor se crea só na economía real e o diñeiro por si mesmo non pode xerar valor e producir beneficios.

 De xeito que á tradicional expropiación do froito do traballo que practica o capital no proceso da economía real (obtención de plusvalía), veuse sumar a que realiza o capital financeiro especulativo sen participar no devandito proceso.

  1. Unha das formas que permiten ao capital financeiro transnacional apropiarse en forma parasitaria do froito do traballo alleo, é dicir, sen intervir no proceso produtivo, son a privatización da seguridade social, da que se fixeron cargo fondos privados de pensións, a substitución de parte do salario ou doutras remuneracións de que é acredor o persoal das grandes empresas por accións ou por opcións sobre accións da mesma empresa (stock-options), etc., que son distintas formas de roubar ou estafar, como escribiron os economistas Labarde e Maris (6).

 Os asalariados, ante a perspectiva de ter unha xubilación insuficiente no sistema público -que xa é unha realidade dadas as actuais políticas gobernamentais na materia- tenden a poñer o moito ou pouco que poden aforrar nos fondos privados de pensións. Así engrosan o capital financeiro especulativo por unha banda e polo outro se someten ao risco de perder os seus aforros.

 Por exemplo en Estados Unidos, o xigante transnacional da enerxía Enron declarouse en creba recoñecendo unha débeda de 40 mil millóns de dólares e deixou na rúa o seu persoal (12.000 persoas), ao que, por riba, desposuíu do capital das pensións da súa xubilación, investido en accións da propia empresa. Noutras crebas de grandes bancos ou grupos financeiros transnacionais, miles de pequenos aforradores viron esvaerse o froito de moitos anos de esforzos e mesmo de privacións.

 Despois de Enron sucedéronse outros casos similares como o de WorldCom e resultaron implicados os dous máis grandes bancos estadounidenses: Citygroup e JP Morgan Chase(7).

 No caso de WorldCom, un pequeno aforrador que en marzo de 2000 comprou 10.000 dólares en accións vía en xullo de 2002 que as súas accións valían só 200 dólares (Despacho de AFP do 21/07/02).

 Calpers, que administra o diñeiro de 1.300.000 funcionarios californianos, CalSTRS (687.000 docentes do mesmo Estado) e Lacera (132.000 empregados de Los Angeles) perderon 318 millóns de dólares por mor da creba de WorldCom (máis de 7 mil millóns de dólares que se esvaeron). O fondo de pensión dos funcionarios do Estado de Nova York (112 mil millóns de dólares de activos) perdeu 300 millóns de dólares na creba de WoldCom.

 Unha situación similar produciuse tamén nalgunhas transnacionais baseadas noutros países, como Vivendi e outras en Francia. A acción de Vivendi chegou a cotizar a 141,60 o 10 de marzo de 2000 e valía só 9,30 o 16 de agosto de 2002.

 En Grecia acumulouse unha enorme débeda por mala xestión, por pagamento de xuros moi elevados sobre as débedas e por compras desproporcionadas de armamentos. Grecia ocupou o quinto lugar no mundo entre os compradores de armas convencionais no período 2005-2009. O 31% desas armas comprounas a Alemaña, o 24% a Estados Unidos e outro 24% a Francia, os seus principais acredores. A ‘troika’ (a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional) impúxolle a Grecia “condicionalidades” consistentes en privatizar boa parte do patrimonio nacional para recadar miles de millóns de euros destinados a pagar aos acredores, esixíronlle conxelar e en moitos casos baixar os salarios e as xubilacións e en xeral reducir considerabelmente os gastos sociais. Isto ocorreu durante o Goberno “progresista” sometido a unha brutal presión e continúa agora cun goberno conservador.

 Todas estas crebas, operacións fraudulentas, escándalos financeiros, fugas de capitais, etc., que tiveron lugar á vista e paciencia (e coa complicidade) dos gobernos, que non utilizaron os mecanismos de control de que dispoñen, significan un fenomenal espolio de recursos a enormes masas da poboación e a concentración dos devanditos recursos nos grandes centros do poder económico-financeiro transnacional.

 En síntese, o capital financeiro transnacional está funcionando como unha bomba aspiradora das riquezas producidas polo traballo a escala mundial, que deste xeito se concentran en poucas mans. Unha de cuxas manifestacións é o que chamamos a ofensiva planetaria contra a seguridade social.

 Os Gobernos poden tratar de enganar a xente dun xeito ou outro pero a realidade é que se someteron incondicionalmente ás regras impostas polo gran capital. Co aval de políticos, economistas, burócratas sindicais, etc., que teñen amplo acceso aos grandes medios de comunicación.

 Rexe logo unha “lóxica económica” propia do sistema capitalista no seu estado actual, que consiste en desposuír sistematicamente as grandes maiorías: traballadores, xubilados, desempregados, parados por enfermidade, etc., en beneficio exclusivo dunha ínfima minoría de grandes capitalistas e especuladores.

 No que se refire aos xubilados, a súa situación aseméllase aos tempos en que deixaba os vellos lonxe dos poboados cun pouco de comida e auga. E a gran maioría dos traballadores están en condicións similares á escravitude, pois págaselles un salario que apenas dá para sobrevivir a cambio de estar practicamente todo o tempo a disposición do empregador, pois a xornada laboral volveuse elástica e o tempo realmente libre pasou á categoría dun soño inalcanzábel.

 Esta ofensiva planetaria contra a seguridade social e os dereitos dos traballadores non é conxuntural e temporal, como pretenden ou pensan algúns, senón que é inherente ao sistema capitalista no seu estado actual e é -mentres o capitalismo perdure- irreversíbel, estrutural e permanente.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] No informe da Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (documento E/CN.4/Sub.2/2002/9 de 25 de xuño de 2002) dise, con referencia ao comercio de servizos, que un investimento privado estranxeiro pode producir como resultado o fornecemento de servizos de dous niveis, un para sans e ricos e outro para pobres e doentes, a perda de persoal especializado nos servizos públicos, unha excesiva insistencia nos obxectivos comerciais a expensas dos obxectivos sociais e un sector privado cada vez máis amplo e poderoso que pode ameazar a función do goberno como principal responsábel dos dereitos humanos..

[2] Os fondos de investimento apañan fondos provenientes dos fondos de pensións, de empresas, compañías de seguros, particulares, etc., e empréganos na compra de empresas industriais, comerciais ou de servizos, que conservan se son moi rendíbeis ou por razóns estratéxicas ou se son deficitarias ou pouco rendíbeis, sanéanas, despedindo persoal e logo véndenas cunha marxe de ganancia considerábel. As compras realízanas utilizando o chamado Leverage Buy-out (LBO) que podería traducirse como “operacións con efecto de panca”, que consiste en financiar a compra cunha parte de capital propio (xeralmente o 30%) e outra parte (o 70% restante) con empréstitos bancarios, garantidos co patrimonio da empresa adquirida. Estímase que os fondos de investimento dispoñen no mundo duns 350 mil millóns de dólares para investir e que só en Europa recolleron en 2005 setenta e dous mil millóns de dólares de fondos de pensións e de grandes fortunas.

[3] François Chesnais, El fin de un ciclo. Alcance y rumbo de la crisis financiera. En Herramienta Nº 39, Bos Aires, outubro 2008.

[4] Michel Drouin, Le système financier international, Edit. Armand Colin, París, xaneiro 2001.

[5] Nun artigo publicado no diario Le Monde do 5-6/9/2004 ( Eric Le Boucher, “L’es multinationales sur leur tas d’or” (As multinacionais sobre a súa chea de ouro) dise que ningún acontecemento -guerras, atentados, etc.- fai diminuír os beneficios das sociedades transnacionais sobre os seus fondos propios: 15% nos Estados Unidos, 12 % en Francia. Con ese fin, todos os medios son bos para baixar os custos en caso de necesidade. En total 374 empresas do índice Standard.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 24 de febreiro de 2020]