Sindicatos de sanidade piden negociar un calendario para recuperar os acordos

Entenden que se hai mellora económica, como di o PP, tamén ten que repercutir no persoal do Sergas
Nacional - 30 Mai 2017

Delegados e delegadas das organizacións sindicais de Saúde CIG, CCOO, UGT, CSIF, SATSE e SAE concentráronse esta mañá martes, diante do edificio do Sergas en San Lázaro, coincidindo coa entrega de sinaturas recollidas entre o persoal do Servizo galego de Saúde para instar ao conselleiro de Sanidade a convocar a mesa sectorial e negociar un calendario de recuperación dos acordos –retributivos, de condicións de traballo e carreira profesional- suspendidos desde o ano 2009.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que estes acordos teñen rango de norma xa que foron publicados no DOG e “non poden estar suspendidos indefinidamente por decisión unilateral da administración”, máxime cando noutros ámbitos da administración pública si se están asinando acordos de equiparación salarial.

Para Abuín, se hai recuperación económica, como di o PP, “esta debería permitir recuperar as condicións económicas e laborais de todas as traballadoras e traballadores da administración pública”.

Xunto a isto denunciou que o goberno do PP si que se aplicou esa recuperación económica porque no ano 2012, coa Lei de Medidas, detraeu un 3% do salario dopresidente e dos conselleiros/as e este ano aprobou un incremento do 7,5% para o presidente e un 7% para os conselleiros/as, o que dá un incremento salarial real do 4,5% nun caso e do 4% no outro.

Abuín entende que o que non pode facer o conselleiro de Sanidade é eliminar as competencias da Mesa sectorial, nomeadamente a da negociación. “Levamos moito tempo solicitando que este punto se inclúa na orde do día da mesa, pero a consellaría négase de forma sistemática a abordar esta cuestión”.

O obxectivo das organizacións sindicais con esta mobilización, é desbloquear esta situación, negociar o calendario de recuperación e que no exercicio orzamentario de 2018 xa haxa unha partida destinada á recuperación destes acordos. “Por iso entendemos que este é o momento”.

Endurecemento das mobilizacións

No decurso da concentración anunciaron que continuarán coas mobilizacións e advertiron que se non obteñen resposta do Sergas para sentar a negociar as endurecerán á volta do verán. En todo caso xa teñen convocada unha manifestación para o vindeiro día 14 de xuño en Compostela.