Organizacións sindicais de todo o Estado manifestan en Barcelona o seu apoio ao referendo en Catalunya

Asinaron unha declaración conxunta pola que se comprometen a “ser parte activa do proceso”
Barcelona - 10 Set 2017

CIG, ELA, LAB, CUT, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, SAT, Colectivo Unitario de Trabajadores (CUT), ESK, CUT (Galiza), CSI, Confederación Intersindical, COS, STEILAS  e STEI participaron este domingo -en Barcelona- nun encontro sindical convocado pola CSC-Intersindical e a IAC no que aprobaron un manifesto no que declaran o seu apoio ao referendo convocado en Catalunya para o vindeiro día 1 de outubro.

As organizacións sindicais parten de que “o dereito a voto é un dereito fundamental para calquera sociedade que queira resolver democraticamente calquera conflito, de forma xusta e participada”.

Afirman ademais que “o conflito aberto entre Catalunya e o Estado español só se pode resolver a través dun referendo no que pobo catalán poida decidir libremente o seu futuro” e consideran que “foron as continuas negativas do Estado español a iniciar un proceso que finalizase cun referendo pactado o que obrigou o Parlamento de Catalunya a convocar de forma unilateral un referendo de autodeterminación para  o 1 de outubro de 2017”.

Por iso manifestan non só o seu apoio senón que ademais se comprometen a defender o seu resultado e denuncian que “en ningún caso pode ser a vía da prohibición, represión ou xidicialización, a resposta do goberno de Estado español a este referendo”.

Lembran que o que está en xogo este 1 de outubro “é a democracia e o dereito de autodeterminación dos pobos” e “desde a solidariedade e a alianza de clase” manifestan o seu compromiso a “ser parte activa do proceso catalán” porque entenden que “o camiño que abriu Catalunya é unha oportunidade para a clase traballadorado do resto das nacións e pobos do Estado para conseguir unhas condicións de vida mellores e unha sociedade moito máis democrática e xusta”.

Organizacións asinantes