Organizacións sindicais, entre elas a CIG, dirixen unha carta denunciando a situación dos/as traballadores/as saharauís

Demandan que se adopten medidas para frear o deterioro das condicións e as reiteradas violacións de dereitos

Internacional -

A CIG, xunto con outras organizacións sindicais, veñen de dirixir unha carta ás principais federacións sindicais internacionais denunciando a situación que sofren os traballadores e as traballadoras saharauís e pedindo que se toman medidas ao respecto. O escrito faise eco do informe elaborado pola UGTSARIO no que se evidencian as precarias condicións e as reiteradas violacións de dereitos laborais e civís do pobo saharauí por parte do Reino de Marrocos nos territorios ocupados.

O documento da UGTSARIO denuncia casos concretos de discriminación no traballo por razóns de pertenza étnico-cultural e as posicións políticas dos traballadores e das traballadoras. Así, explícase que "os despedimentos arbitrarios e a política de suspensión de salarios e axudas económicas" son os métodos que as autoridades marroquís empregan para disuadir a quen defende os dereitos humanos "e a calquera persoa que teña posicións favorábeis ás reivindicacións do dereito do pobo saharauí á autodeterminación e  á independencia, expondo deste xeito a moitas familias á pobreza e á indefensión e exclusión social e económica".

A este respecto, a UGTSARIO alerta do deterioro das condicións dos traballadores e das traballadoras, mentres Marrocos continúa "o saqueo das riquezas do noso pobo e a represión á poboación saharauí nas cidades ocupadas". 

Diante disto, na misiva das organizacións sindicais saliéntase que "a cuestión política e o respecto do dereito internacional deben encontrar a solución correcta nas oficinas institucionais responsábeis, pero mentres tanto é o noso deber esixir respecto e protección dos dereitos e liberdades individuais e colectivos en todos os ámbitos da vida". E neste senso, lembran  que xa hai  máis de catro décadas que os territorios do Sáhara Occidental foron invadidos por Marrocos e a día de hoxe aínda teñen pendente de exercer o seu dereito á libre determinación.

Por todo isto, a CIG e o outras organizacións sindicais demandan que se preste especial atención ao contido do informe  e que se tomen posicións e accións para denunciar estas violaciones e apoiar os dereitos dos traballadores e traballadoras saharauís, de xeito que cesen as violancións de dereitos.  

Volver