Organizacións sociais e sindicais lanzan unha campaña contra a fusión CaixaBank-Bankia
O manifesto, que se pode asinar aquí: www.bancapublica.org/ga, está promovido pola CIG, a I-CSC Intersindical - Confederació Sindical Català; a FEC Federació d’Estalvi de Catalunya; Kutxabank Publikoa plataforma (ELA, LAB, Steilas, Hiru, EHNE, Pentsionistak Martxan, Ekoneus…), a Plataforma por unha Banca Pública; a Asociación Caixa Catalá e ATTAC Asociación para a Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Cidadá.
Nel advírtese de que esta fusión afasta a posibilidade de que se cree un banco público; diminúe a competencia ao aumentar a concentración bancaria; aumenta a inestabilidade do sistema financeiro ao crear entidades demasiado grandes e incontrolábeis e empeora as condicións para as persoas usuarias porque se incrementan as comisións se reducen os servizos e o acceso ao crédito.
Xunto a isto denúnciase a enorme destrución de emprego que provoca; a redución da obra social, de forma alarmante, e a diminución do control social.
Na rolda de prensa participaron Manuel Nolla, Francesc Sabater, Rosa Conde e Janire Landaluze en castelán, catalán, galego e eúscaro que denunciaron que “os reguladores non cumpren a súa función” porque é evidente que “esta fusión vai totalmente en contra da competencia”, xa que tras ela, a nova CaixaBank controlaría máis do 35% de oficinas nos territorios máis importantes.
Xunto a isto explicaron que os procesos de fusión no Estado duplican os europeos e que en Europa as caixas e cooperativas de crédito seguen sendo importantes cunha presenza do 40%. Por iso denunciaron que “deixar desaparecer as caixas de aforro e non converter Bankia nun banco público é unha grave decisión” que vai afectar moi negativamente tanto a empresas como a particulares porque a procura só beneficio vai ir en prexuízo do investimento”.
Rendibilidade económica por enriba de todo
Nese sentido a representante da CIG, Rosa Conde, responsable do sector Financeiro da CIG-Banca advertiu que “os grandes bancos privados do Estado español están controlados por fondos de investimento estadounidenses que posúen a maior parte do seu accionariado e que o que queren é rendibilidade por enriba de todo”.
Apuntou que estas grandes entidades financeiras traballan para grandes corporacións e grandes empresas, “non están ao servizo nin das pequenas e medianas empresas, nin das servizo das persoas, que non lles preocupan en absoluto”.
Sinalou que a CIG-Banca xa vén detectando en Galiza que hai sectores que “se están decatando de que esta concentración bancaria estalles dificultando, cando non impedindo, o acceso ao crédito”.
Por iso considerou moi importante trasladar esta mensaxe de forma clara para que se saiba que se agocha realmente detrás dos procesos de concentración que están dando en fusións como a de CaixaBank e Bankia.
A modo de exemplo, sobre esta cuestión sinalouse ademais que BlackRock é o primeiro accionista do BBVA, do Santander ou do Sabadell, entre outros, e está en constante crecemento.
MANIFESTO
Non á fusión CaixaBank-Bankia
As persoas e entidades abaixo asinantes opoñémonos rotundamente a esta fusión porque afasta a posibilidade dunha banca pública, diminúe a competencia ao aumentar a concentración bancaria, aumenta a inestabilidade do sistema financeiro, empeora as condicións para as persoas usuarias, destrúe emprego, reduce a obra social, diminúe o control social e as desconecta aínda máis dos seus territorios orixinarios.
A creación dun oligopolio bancario, similar ao eléctrico e ao carburantes, cunhas 2-3 empresas que controlen o mercado, é un feito que provoca, entre outros efectos negativos, comisións desorbitadas, empeoramento do crédito, e a perigosa chantaxe dunhas entidades "demasiado grandes para caer".
Xa na pasada crise, a destrución das caixas de aforro cumpriu o vello e ansiado obxectivo da banca privada. As caixas recollían máis da metade dos aforros, invertían preferentemente nos seus territorios e dedicaban unha parte importante dos beneficios á obra social. Moitos deses territorios e Comunidades Autónomas perderon autonomía financeira para apoiar proxectos estratéxicos locais, etc.
A crise de 2008 orixinouse polas prácticas de risco do sector financeiro privado e o rescate foi a todo o sector, non, como falsamente se difunde, só ás Caixas.
Primeiro bancarizaron as Caixas, producindo erros que levaron a un rescate do que finalmente se beneficiou a banca privada, que as recibiu saneadas e regaladas. Noutros casos, foron obrigadas a saír a Bolsa con accións que en poucos anos perderon máis da metade de seu valor.
Este proxecto de fusión e outros que seguirán, profundan a negativa liña de concentración. Así, queda o Estado español como unha excepción en Europa, sen un sector público na banca. Os estados máis desenvolvidos, como Alemaña, Países Baixos, Francia, etc. manteñen arredor do 50% do seu aforro en caixas de aforro, cooperativas de crédito e outras entidades públicas.
Necesítase unha banca pública a diferentes niveis que sirva de referencia no trato coa súa clientela e para minimizar a práctica habitual da actividade privada, coa busca de dividendos, que reducen a solvencia e que aumentan o risco de que as crises financeiras se fagan máis frecuentes e devastadoras. Mentres, destínanse remuneracións desmesuradas para a elite bancaria.
O conxunto do Estado e cada un dos seus territorios necesita que non se desvíe gran parte da inversión cara os mercados financeiros, abandonando a economía real do pequeno tecido produtivo.
Débese evitar a exclusión financeira das capas máis débiles da poboación, moderando os abusos sufridos polas persoas usuarias e cobrando comisións excesivas sobre contas bancarias sen retribución.
Denunciamos que nesta fusión non se defenderon os intereses do Estado. Pese a que este posúe o 61,8% da propiedade de Bankia, abandonou dende o principio a súa obriga de actuar como unha banca pública. A perspectiva da súa venda e a súa negativa xestión facilitou baixos beneficios e unha forte baixada da cotización da acción, deixándoa nun 25,48% da súa valoración real por activos e presenza no mercado. Utilizar ese único criterio agora é unha grave cesión pública do diñeiro de todos e todas.