Os #19deMeirás volven exixir a devolución do Pazo malia enfrontarse a demandas de penas de 247 anos de cadea

Denuncian que isto só pode ocorrer nun Estado alicerzado no franquismo
Nacional - 31 Ago 2018

O 30 de agosto de 2017 un grupo de militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais ou da memoria, entre os que se atopaban compañeiros da CIG como Suso Seixo, Ramiro Oubiña, Anxo Louzao, Armando Carril, Oscar Calvo ou Mario Maceiras, participaron nunha acción pacífica e simbólica no decurso da que se despregaron dúas faixas no pazo de Meirás en demanda da devolución do patrimonio usurpado, após o golpe de estado facista perpetrado por Francisco Franco, ao pobo galego. Un ano despois regresaron ao mesmo lugar para denunciar que o pazo segue en mans da familia do ditador e que por esa acción hoxe, 19 das persoas participantes, enfróntanse a dúas denuncias nas que se lles piden penas que suman 247 anos de cadea.

No decurso do acto, Anxo Louzao, como portavoz das/os 19 de Meirás, valorou positivamente aquela reivindicación, que chegou a ter mesmo transcendencia internacional, porque permitiu situar esta cuestión na axenda política; levou a institucións, colectivos e asociacións de diversa índole a demandar tamén a devolución do patrimonio roubado aos galegos e galegas e mesmo obrigou ao PP a sumarse a unha resolución unánime do Parlamento de Galiza neste sentido. “Reavivamos o debate sobre a recuperación do pazo, mais tamén das estatuas de Abrahan e Isaac que formaron parte do orixinal Pórtico da Gloria e da Casa Cornide”, asegurou.

Denuncia da familia do ditador e da Fundación 'fascista'

Porén, malia tratarse dunha acción pacífica e simbólica, hoxe enfróntanse a dúas denuncias, unha presentada pola familia e outra pola Fundación que leva o nome do ditador nas que se acusa ás/aos participantes de delitos que poderían levar consigo desde 3 anos e 6 meses de prisión, para cada un dos que estamos denunciados, até 13 anos. “Estamos a falar de penas que suman 247 anos e máis de medio millón de euros”, explicou Louzao para quen “ se algo amosa esta denuncia é que estamos aínda asentados sobre a estrutura de poder do franquismo que foi herdada pola transición. Do contrario non estariamos nesta situación”.

Para os 19 de Meirás esta denuncia “é difícil de crer por calquera demócrata de calquera estado”, máis cando unha delas foi presentada pola Fundación Francisco Franco “que fai continuamente apoloxía do fascismo e porén continúa sendo legal e recibindo fondos públicos”.

Por iso consideran que se as institucións foran realmente democráticas, “deberían velar por preservar o noso dereito a expresarnos e non estariamos baixo unha acusación con penas deste tipo” e denuncian que, canda eles/as, hoxe no Estado español hai xente acusada polas súas ideas e presos políticos.

Así as cousas os 19 de Meirás terán que pasar a declarar polo xulgado a partir de setembro pero xa adiantan que “nós ratificámonos e seguiremos loitando, porque están en tea de xuízo os principios democráticos máis elementais, facer xustiza con quen foron vítimas directas do espolio do que dá fe o Pazo de Meirás, mais tamén facermos xustiza con todas as vítimas do franquismo e dignificar o noso pobo”.