Os afectados/as polo peche de Ganomagoga trasladan ao Concello de Vigo as protestas en defensa dos empregos

Entregaron un escrito reclamando o apoio da corporación á súa loita e ás xestións institucionais para lograr a continuidade do grupo
Vigo - 24 Mar 2023

Arredor de medio cento de traballadores/as do Grupo Ganomagoga, que presentou concurso de acredores e un ERE extintivo para todo o persoal, mobilizouse hoxe diante do Concello de Vigo coincidindo coa entrega dun escrito no que se reclama o apoio da corporación municipal á loita en defensa dos seus postos de traballo e ás xestións encamiñadas a lograr o financiamento necesario para garantir a supervivencia da compañía.

A protesta desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas ás portas do consistorio vigués, onde se rexistrou o escrito demandando o apoio do Concello “ante as administracións públicas superiores para tratar de buscar algún tipo de financiamento ou interlocución, xa que os traballadores/as non entendemos como se pode deixar caer unha empresa estratéxica como esta, dedicada ás enerxías renovábeis”.

Ademais, os afectados/as polos ERE extintivos presentados en cada unha das empresas que fan parte do grupo puideron entregarlle o escrito tamén en man ao proio alcalde, algo que farán tamén o vindeiro luns no Concello de Mos, no que teñen fixada unha xuntanza coa rexedora. Anteriormente realizaron esta mesma xestión en Ponteareas, localidade na que se ubica a empresa principal, Talleres Ganomagoga, e á que pertence a maior parte do cadro de persoal.

Durante a protesta celebrada hoxe en Vigo o presidente do comité, Xabier Pérez, da CIG, rexeitou os motivos esgrimidos pola dirección para xustificar a presentación dun ERE en lugar dun ERTE, xa que entre eles figura a falta de carga de traballo por parte de GRI Towers, empresa con sede en Ourense para a que Ganomagoga fabricaba tramos de torres eólicas. “Curiosamente, vimos de saber que GRI acaba de presentar un ERTE aludindo a que non vai poder ensamblar unha partida de torres porque faltan os tramos que fabricabamos nós”, sinalou.

Gasto en persoal sen xustificar

Neste senso, lembra que a comezos de ano a compañía contaba cunha carteira de pedidos, “pero agora din que non lograron o financiamento preciso para adquirir o material necesario”.
Pérez tamén se amosou desconforme con outra das xustificacións da empresa, en concreto co suposto aumento do 33% en gastos de persoal rexistrado o ano pasado. “Non entendemos de onde saen estas cifras, cando o noso salario incrementouse unicamente un 6% e somos practicamente o mesmo número de traballadores/as”.

Ademais, incidiu en que a compañía reflexa da documentación do ERE unha cantidade moi importante de perdas “que non nos encaixan”, e censurou que non teña presentado unha memoria económica “que xustifique de onde saen eses números”. Por todo isto, considera que a dirección de Ganomagoga “non está a actuar de boa fe” neste proceso.