O persoal de Ferroatlántica mobilizarase todos os martes no Concello de Cee para esixir á Xunta que actúe

O comité presentará en Augas de Galiza alegacións á reorganización societaria da empresa

Cee -

As asembleas de traballadores e traballadoras celebradas onte mércores nas fábricas de Cee e Dumbría, acordaron convocar mobilizacións diante do Concello de Cee todos os martes, ás 19:30 horas, a partir do vindeiro 10 de setembro. Con estas protestas quérese amosar o rexeitamento á unha operación de venda que compromete o futuro das fábricas e os empregos e, ao tempo, esixir da Xunta de Galiza que cumpra co seu compromiso de pórse do lado dos traballadores/as, e defender a viabilidade que dende o cadro de persoal se demanda.

Dende a sección sindical da CIG denuncian que a día de hoxe, malia a gravidade das accións de Ferroatlántica e do Goberno galego ter plenas competencias nesta materia, "a Xunta mantén unha pasividade inaudita, continúa sen esixir o preceptivo plan de viabilidade, nin dirixirse ao comité para trasladarlle a documentación presentada pola empresa".

Neste senso, avanzan que dende o comité  se vai presentar un escrito en Augas de Galiza coas alegacións á reorganización societaria de Ferroatlántica (publicada no BORME o pasado 29 de agosto) separando as ramas do negocio industrial e hidroeléctrico, ao entender que esta medida contravén abertamente as cláusulas das concesións das que é titular nos Ríos Xallas e Grande. 

A vinculación, condición esencial da concesión

"Hai que lembrar, subliñan, que a salvagarda e tutela do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos, está inescusablemente unida á continuidade do negocio de ferroaliaxes e á non segregación das actividades de produción". Esta condición esencial da concesión é a garantía da viabilidade das fábricas e dos empregos e o seu incumprimento constitúe un motivo de extinción das concesións.

A reorganización societaria de Ferroatlántica racha claramente coas obrigas legais a este respecto, polo que dende o comité se solicitará a Augas de Galiza que inicie as actuación pertinentes para requirirlle á empresa o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais. Así mesmo, dende o comité ínstase a este organismo a que adopte todas as medidas que estime oportunas para garantir o cumprimento do interese xeral que xustifica a cláusula esencial  de non segregación.

No tocante ao anuncio de que a operación de venda a TPG-Ithaka está efectivizada, reiteran que non se axusta á legalidade, polo que levará adiante todas as accións sindicais e legais que considere oportunas.

Volver