"Os beneficios do Santander son a costa de que se lle regalou un banco, do sacrificio do persoal e do desprezo á clientela"

A CIG concentrouse nunha oficina da entidade, coincidindo coa xunta de accionistas celebrada en Madrid

A Coruña -

Delegados e delegadas da CIG-Banca concentráronse este venres diante da oficina que o Banco Santander ten no Cantón Grande da Coruña, en protesta pola presión e o acoso ao que están sometidos os traballadores e as traballadoras no marco do proceso de integración do Popular. A mobilización coincidiu coa celebración da xunta de accionistas do Santander en Madrid "na que se falará de beneficios millonarios, do novo plan estratéxico, das eficiencias, dos 'axustes', das novas tecnoloxías, pero nada se dirá das longas esperas da clientela, das prolongacións ilegais da xornada laboral ou de que o Santander lles 'cobra' ás empregadas de baixa por maternidade".

"A CIG está hoxe facendo esta protesta para dar a outra versión do que está a acontecer no Banco Santander", explicaba Maite Freire, delegada da CIG na entidade, quen engadiu que atrás deses 7.810 millóns de euros de beneficios "dos que tanto alardean, atópase o agasallo dun banco que lle fixo o Estado español e o sacrificio e o esforzo dos traballadores e traballadoras".

Xornadas inhumanas e obxectivos desmesurados

Freire subliñou que ese beneficio que se reparte a cúpula da entidade non ten repercusión ningunha entre o persoal, que ten que facer xornadas inhumanas para cumprir cos obxectivos desmesurados que se lles impoñen e adaptarse á nova plataforma operativa. Horas extraordinarias que, advertiu, o Santander nin paga ao persoal nin cotiza á Seguridade Social, a pesar de que esta situación xa foi denunciada en reiteradas ocasións.

A representante sindical denunciou que no proceso de integración do Popular, a dirección do Banco Santander "non respecta os festivos, nin o dereito á desconexión, nin a conciliación laboral e familiar", ofrecendo unha formación que non é compatíbel co horario laboral, "nin é a adecuada aos obxectivos que se nos esixen". E todo isto, adiantou, "para que dentro duns meses a empresa aplique un novo ERE, que estimamos que afectará a uns 3.000 traballadores e traballadoras, e cuxas condicións descoñecemos".

Fronte a isto, asegurou que na CIG "non queremos que a xunta de accionistas pase como un éxito", cando xa houbo máis de 1.800 prexubilacións e o modelo de banco que o Santander quere pór en práctica "implica que a clientela maior se vaia porque non se lle dará servizo, que haxa que facer colas nas oficias de hora ou hora e media para que despois se mande á persoa a ás máquinas a facer os trámites ou senón cobraráselle unha comisión, e na que eficiencia, axustes e uso de novas tecnoloxías significa máis despedimentos".

Freire indicou que as instrucións "que nos dá a entidade son: que a xente espere, que non importa que a clientela se enfade porque o negocio do banco non é ese. Neste momento o único que importa é a rendibilidade". A este respecto reiterou que nin os/as traballadores/as nin a clientela son responsábeis "nin do que fixo o Banco Popular, nin do que está a facer o Banco Santander". E por iso xa avanzou que a CIG continuará coas mobilizacións para esixir unhas condicións laborais dignas e o cese dos despedimentos, as presións e o acoso ao persoal.

Volver