Os bombeiros/as de Vigo denuncian o Concello por vulnerar o dereito de folga e pór en perigo a seguridade

Presentaron un escrito na Inspección de Traballo e realizaron un reparto informativo no consistorio
Vigo - 02 Set 2019

O comité de folga dos bombeiros/as do Concello de Vigo presentou hoxe unha denuncia na Inspección de Traballo contra o Goberno local por vulneración deste dereito fundamental e por poñer en perigo a seguridade dos traballadores/as. Os folguistas tamén levaron a cabo un reparto informativo nas inmediacións do consistorio para explicar os motivos da convocatoria indefinida.

Segundo explican dende a CIG o principal motivo da denuncia é o incumprimento reiterado das dotacións mínimas, xa que en moitas xornadas non se chega a cubrir o servizo con 20 efectivos, “polo que as intervencións non poden realizarse coas seguridade que establecen os protocolos de actuación”. Isto provoca que se estean a realizar intervencións omitindo os binomios que garanten a seguridade dos bombeiros/as. 

O principal motivo da denuncia é o incumprimento dos servizos mínimos

Neste senso, queren deixar moi claro que esta situación non está relacionada coa convocatoria de folga, xa que ningún traballador/a pode acollerse a este dereito tendo en conta os elevados servizos mínimos decretados. “Resulta evidente que esta situación forma parte do que a concelleira denomina funcionamento normal do servizo”, critican, ao tempo que se preguntan se “normal” é non cubrir nin os mínimos.

No que ten que ver coa substitución de funcionarios/as de carreira por funcionarios/as en prácticas, feito que xa fora denunciado diante da autoridade laboral ao comezo da folga, sinalan que actuar deste xeito en base a un decreto de mínimos “pon en perigo ao traballador/a e ao equipo pola falta de pericia”. De feito, sosteñen que durante as últimas xornadas o 75% do equipo de primeira intervención estaba formado por traballadores/as en prácticas.

Actuación temeraria

No escrito presentado diante da Inspección tamén alertan que se está a poñer en perigo as dotacións “obrigando a realizar función de superior categoría a bombeiros/as que carecen da formación axeitada”. Lembran que o decreto de mínimos imposto para a folga non recolle a obriga de realizar funcións de superior categoría aos bombeiros/as no parque de Teis, “algo que si se está a facer na práctica”.

No caso do parque de Balaídos si que figura esta obriga, “o que supón un agravio comparativo”. Ademais, este parque non é un parque auxiliar, senón de zona, polo que o responsábel da dotación ten que ter a categoría de sarxento. “Poñer ao mando a un bombeiro/a compromete non só ao equipo de saída, senón tamén a toda a dotación do parque, polo que supón unha temeridade”.

Reparto informativo

Ademais da denuncia da Inspección, membros do comité de folga levaron a cabo un reparto informativo nas inmediacións do consistorio para explicar os motivos da convocatoria indefinida. Para iso elaboraron un panfleto que recolle os principais argumentos:

-Porque ao Concello nos últimos anos non lle preocupou incorporar persoal.

-Porque nos últimos anos resultoulle máis rendíbel cubrir a falta de persoal con horas extras.

-Porque a pesar dos reiterados avisos de colapso do servizo en lugar de incrementar persoal incrementaron as horas extras.

-Porque cando o servizo colapsou por falta de persoal en lugar de negociar unha solución impuxo por decreto a obriga de facer horas extra.

-Porque, abusando da nosa condición de servizo esencial, vulnera os nosos dereitos como traballadores/as.

-Porque non respecta os períodos mínimos de descanso que ten que ter un traballo perigoso.

-Porque, vulnerando este principio, está a poñer en perigo a seguridade e saúde dos traballadores/as.

-Porque compromete en último termo o servizo prestado ao cidadán.

-Porque non quere negociar a aplicación do decreto para tentar garantir o servizo sen comprometer a seguridade dos traballadores/as.

-Porque non quere negociar datas concretas e xeitos urxentes de incorporar persoal.

-Porque coa actual oferta de emprego público non se soluciona o problema da falta de persoal.

Por todo isto, instan ao Goberno local a abrir un proceso de negociación sobre a base da aplicación do decreto “que non comprometa a operatividade do servizo e que garanta os dereitos laborais e a seguridade dos traballadores/as”.