Os bombeiros/as de Vigo, en folga indefinida, agardan que o Concello abra por fin unha negociación real para resolver o conflito

Esta semana están previstas varias xuntanzas para tratar a falta de persoal e a precariedade laboral

Vigo -

O pasado venres, pasados nove días do inicio da folga indefinida, o Concello de Vigo abría por fin un contacto co comité de folga para abordar a falta de persoal e as consecuencias da aplicación do decreto municipal "que pon en risco a saúde e seguridade dos profesionais e da cidadanía".  O encontro producíase tras da xuntanza da representación social coa Inspección de Traballo por mor da denuncia polos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais e pola situación dos bombeiros/as en prácticas, que realizan funcións de bombeiros/as sen ter asinado como funcionarios/as de carreira.

A este respecto, explica Miguel Uclés, delegado da CIG, nesa reunión trasladóuselle ao responsábel de Seguridade a situación extrema na que queda o parque municipal, tendo en conta que dende este luns, os 12 bombeiros en formación (incluídos nos servizos mínimos e no decreto de ampliación da xornada) van estar sete semanas realizando formación nun campo de traballo.

"Preguntámoslle se ademais das nove horas diarias da formación, ían obrigar a estes compañeiros a realizar tamén as quenda e os decretos. Despois dun intenso debate, dende o Concello comprenderon que había que chegar a un entendemento e aceptaron que este persoal só realice a formación e non entre na listaxe dos servizos ordinarios do parque", sinala.

Pero isto supón que os servizos mínimos decretados polo Concello, que xa estaban a incumprir pola falta de efectivos suficientes, sexan agora irrealizábeis sen eses 12 compañeiros/as. "Evidéncianse unha vez máis as carencias de persoal, a precariedade coa que realizamos o noso traballo e o risco que isto implica tanto para a seguridade dos propios/as bombeiros/as como para a cidadanía de Vigo", asevera Uclés, mentres lembra que o 30% do cadro de persoal está de baixa por ansiedade ou doenzas físicas derivadas precisamente do exceso de traballo.

Urxe unha mesa de negociación

Así as cousas, dende a representación de CIG e CUT (organizacións convocantes da folga) reiterouse a necesidade urxente de abrir unha mesa de negociación que dea solución definitiva ao conflito, "porque non se pode consentir que a cidade de Vigo estea en permanente risco". De feito, para esta semana están previstas varias reunións coa Concellaría de Seguridade nas que o comité de folga exporá as súas reivindicacións fundamentais e "das que agardamos saian compromisos firmes para constituír unha mesa de traballo que permita solucionar a situación límite do parque de bombeiros municipal".

Neste senso, apuntou que o comité de folga acordou que se entre esta semana e a próxima o Concello non se avén a dar pasos en firme para chegar a acordos, "intensificaremos as medidas de presión e non descartamos iniciar as accións legais oportunas, incluso recorrendo á vía penal".

Volver