Os bombeiros/as do Concello de Vigo, en folga indefinida por primeira vez na historia do servizo

Por falta de persoal e contra o decreto que impón “escravitude”

Nacional -

Os bombeiros/as do Concello de Vigo atópanse en folga indefinida dende o pasado 14 de agosto para alertar da falta de persoal e rexeitar o decreto municipal que lles impón “condicións laborais de escravitude” baixo ameaza de sanción de tres anos sen emprego e soldo.

Deste xeito o Goberno local obrígaos a facer horas extra, excesos de xornada e mesmo a dobrar quendas de traballo para suplir a falta de persoal, incumprindo gravemente a lexislación laboral e levando os traballadores/as a unha situación límite, tanto física como mental. 

O decreto foi anulado polo Xulgado tras un contencioso da CIG

A convocatoria de folga evidenciou aínda máis esta carencia, xa que non foi posíbel nin cubrir os servizos mínimos de 20 efectivos decretados. Na actualidade, dos 102 efectivos do cadro de persoal só están dispoñíbeis 50, cos que hai que cubrir todas as quendas e as gardas, xa que arredor do 30% se atopa de baixa, e o resto de vacacións. En consecuencia, o persoal padece fatiga crónica e outros problemas físicos e mentais.

Consideran que se trata dun decreto ilegal, que ademais non foi negociado, e que está a provocar que haxa persoas que en oito días teñan que facer cinco gardas de 24 horas (chegando mesmo a facer 48 horas seguidas), o que supón 120 horas, cando a xornada ordinaria do persoal do Concello é de 37,5 horas semanais no inverno e de 35 no verán.

Todo isto levou a CIG a apostar por unha convocatoria de folga e a deseñar un calendario de mobilizacións e de accións informativas na rúa para trasladarlle á veciñanza o perigo que supón manter o servizo de emerxencias nunhas condicións nas que é imposíbel atender unha cidade que aumentou a súa poboación de xeito considerábel nos últimos anos.

Paralelamente, os servizos xurídicos da central presentaron un contencioso contra o decreto, que vén de ser anulado polo Xulgado, e están a agardar as resolucións da Inspección de Traballo tras as denuncias formuladas diante da autoridade laboral, porque o seguinte paso será presentar unha demanda laboral polas condicións de traballo e unha penal por prevaricación.

Volver