Bombeiros de Vigo instan o Concello a iniciar negociacións de inmediato logo da xustiza anular o decreto "escravista"

A sentenza conclúe que o decreto municipal vulnera a normativa sobre tempo de traballo, horas extra, prevención de riscos e conciliación
Vigo - 02 Out 2019

Bombeiros en folga de Vigo compareceron esta mañá en rolda de prensa para avaliar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo que anula o decreto do Concello de Vigo que permite a suspensión dos descansos do persoal, impóndolles na práctica a realización de horas extraordinarias e un exceso de xornada continuado, a causa da falta de efectivos suficientes para cubrir o servizo. Un decreto que cualifican de "escravista, vulnerador de dereitos e nulo de pleno dereito".

A sentenza confirma que as medidas contempladas no decreto aprobado de febreiro non foron negociadas coa representación social, senón impostas e adoptadas de maneira unilateral; infrinxen a normativa europea sobre tempo de traballo; a lexislación sobre prevención de riscos laborais e realización de horas extraordinarias; ao tempo que imposibilitan o dereito a conciliar a vida laboral e familiar.

A concelleira Elena Espinosa non pode seguir mantendo a súa postura de soberbia. Polo ben da cidadanía de Vigo é necesario iniciar de forma urxente unha negociación para resolver este caos"

Para o bombeiro e delegado da CIG, Miguel González Ucles, esta sentenza vén demostrar que o decreto municipal se basea nunha mentira: "a falta de efectivos no corpo de bombeiros non é puntual senón ordinaria, porque nos casos extraordinarios sempre acudimos sen que nos teñan que chamar".

Esixir responsabilidades políticas

Diante da labazada que supón a resolución, moi crítica co proceder do Goberno local, o representante da CIG considera "que a concelleira Elena Espinosa non pode seguir mantendo a súa postura de soberbia. Polo ben da cidadanía de Vigo é necesario iniciar de forma urxente unha negociación para resolver este caos".

A este respecto lembra que dende o inicio da folga, a mediados de agosto, non houbo un só día no que se puideran cumprir os servizos mínimos impostos pola falta de efectivos. "Esta é unha evidencia que debería avergoñar o Concello de Vigo, porque non está garantindo un servizo fundamental para a cidadanía, como a atención ás emerxencias", asevera.

González Ucles entende que o conflito que se vive no corpo municipal de bombeiros apunta tamén a unha preocupante tendencia: que no Concello de Vigo se está a levar a cabo un ERE encuberto, no que a situación caótica xerada pola non incorporación de persoal achandaría o camiño para xustificar a externalización do servizo, "xa que este é un servizo fundamental que se ten que prestar á cidadanía si ou si".

Nesta liña, o comité de folga apunta á responsabilidade política directa de Carlos López Font, polo que non descartan iniciar a vía penal pola vulneración reiterada dos dereitos dos traballadores/as e posíbel delito de prevaricación. Ademais, sinala Miguel González, estase pendente do informe da Inspección de Traballo, "que agardamos que tamén nos dea a razón".

As horas extras deben ser compensadas con descanso

Cómpre lembrar que o decreto do Goberno municipal autoriza ao Xefe do Servizo para suspender os descansos dos bombeiros/as até completar o número de efectivos necesario para garantir a prestación do servizo de emerxencias. Baixo o amparo deste decreto, impóñense aos bombeiros/as unhas condicións laborais de “escravitude”, provocando que haxa numerosas baixas por problemas médicos e que non poidan conciliar a vida laboral e familiar.

 A este respecto, González Ucles pon en destaque que a propia sentenza recoñece que nas Administracións Públicas o persoal que fai traballo nocturno (como os bombeiros que teñen quendas de 24 horas) non pode realizar horas extraordinarias, e no caso concreto dos bombeiros, a xornada extra non poderá ser nunca compensada economicamente, senón que terá sempre que ser compensada con tempo de descanso equivalente. Isto é así, salienta, pola penosidade que implica esta actividade laboral, razón pola que teñen recoñecidos coeficientes redutores da idade de xubilación.

Tal e como se recolle no texto da sentenza, compensar con tempo de descanso é a única maneira "de preservar a prolongación da vida laboral, dado o desgaste físico e psíquico que conleva dita actividade e para reducir o risco de poder ter un accidente ou enfermidade laboral". "Os bombeiros facemos o noso labor con profesionalidade e vocación e non se nos pode romper así. Cada vez que nos obrigan a prolongar a nosa xornada sen darnos descanso compensatorio estannos quitando tempo de vida", sentenza.