Os “cambios de réxime” propiciados por Estados Unidos: Antecedentes históricos

James Petras - 11 Feb 2019

Así como Estados Unidos recorre a unha única “vía” (golpes militares e invasións) para esmagar os gobernos populares pequenos e máis vulnerábeis, utiliza unha estratexia de “múltiples vías” cos grandes países poderosos.  No primeiro caso é suficiente unha chamada ao exército ou o envío dos marine para acabar cunha democracia electoral. No caso de países poderosos, EUA utiliza unha estratexia de múltiples axentes que inclúe o bombardeo propagandístico nos medios de comunicación e, catalogar a demócratas como ditadores, extremistas, corruptos, ameaza para a seguridade, etc.

 Mentres Estados Unidos procura por todos os medios derrocar a goberno democrático e independente de Venezuela, as consecuencias a curto, medio e longo prazo dos golpes de Estado que propiciou no pasado son contraditorias.

 Neste artigo, propoñémonos examinar as consecuencias e o impacto das intervencións de EUA en Venezuela ao longo do último medio século para posteriormente pasar a analizar o fracaso e o éxito dos “cambios de réxime” impulsados por Estados Unidos en toda América Latina e o Caribe.

Venezuela: Resultados e perspectivas 1950-2019

 Durante a década posterior á Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos, a través do Pentágono e da CIA, elevou ao poder a réximes clientelares autoritarios en Venezuela, Cuba, Perú, Chile, Guatemala, Brasil e outros países.

 No caso de Venezuela, Estados Unidos apoiou unha ditadura de case unha década (a de Pérez Jiménez), entre 1951 e 1958. Esta foi substituída por unha coalición de centroesquerda un breve período de tempo. Posteriormente, EUA reestruturou a súa política para promover réximes democristiáns e socialdemócratas de centrodereita, que gobernaron en alternancia durante case corenta anos.

  Nos anos noventa, os réximes clientelares de EUA, acurralados pola corrupción e fondas crises socioeconómicas, foron apartados do poder e deron paso a un goberno independente e antiimperialista dirixido por Hugo Chávez.

  A elección libre e democrática do presidente Chávez derrotou varios intentos de “cambio de réxime” dirixidos desde Estados Unidos ao longo das seguintes dúas décadas.

  Tras a elección de Nicolás Maduro como presidente, Washington organizou a maquinaria política para impulsar un novo cambio de réxime. EUA lanzou a cen un golpe de Estado no inverno de 2019.

  O historial das intervencións estadounidenses en Venezuela é variado: un golpe de Estado que durou menos dunha década; réximes electorais pro-EUA durante corenta anos que foron substituídos por un goberno populista e antiimperialista nado das urnas, que mantivo o poder case vinte anos. Até chegar ao desapiadado golpe de Estado dirixido por Estados Unidos activo nestes momentos.

  A experiencia de “cambio de réxime” venezolana permítenos entender a capacidade estadounidense para conseguir o control a longo prazo reorganizando a súa base de poder dunha ditadura militar a un réxime electoral, financiado mediante o espolio petroleiro, co respaldo dun exército de confianza e “lexitimado” pola alternancia de partidos políticos vasalos que acepten a súa submisión a Washington.

  Os réximes clientelares de EUA están gobernados por elites oligárquicas, con escasa capacidade empresarial, que viven das rendas estatais (petroleiras). Ao teren unha estreita relación con EUA, as elites gobernantes non son capaces de conseguir a lealdade do pobo. Por esta razón, os réximes clientelares dependen da forza militar do Pentágono para conservar o poder, pero esa é precisamente a súa maior debilidade.

 O cambio de réxime baixo unha perspectiva histórica e rexional

  A imposición de gobernos fantoches é un obxectivo estratéxico primordial do Estado imperial. Os resultados varían ao longo do tempo en función da capacidade que teñan gobernos alternativos independentes para a construción nacional.

  Eses gobernos-fantoche teñen máis éxito en nacións pequenas cunha economía vulnerábel. O golpe de Estado de Guatemala durou máis de sesenta anos, de 1954 a 2019. Neste país, as principais insurxencias indíxenas foron reprimidas grazas aos asesores militares e a cooperación estadounidense.

  Outros gobernos-fantoche que tiveron un éxito similar son os de Panamá, Grenada, República Dominicana e Haití. Cando se é pobre e pequeno e se ten un exército débil, Estados Unidos non ten ningún problema en invadir e ocupar directamente o país, cun reducido custo económico e en baixas militares.

  Nos países mencionados, Estados Unidos conseguiu impoñer e manter réximes fantoche durante longos períodos de tempo.

  Os resultados dos golpes de Estado dirixidos por Estados Unidos no último medio século foron contraditorios.

  No caso de Honduras, o Pentágono conseguiu derrubar un goberno liberal-democrático progresista de moi curta duración. O exército de Honduras estaba baixo dirección de EUA e o elixido presidente Manuel Zelaya dependía dunha maioría popular de electores sen acceso ás armas. Traso triunfo do golpe de Estado, o réxime fantoche de Honduras permaneceu baixo tutela de Estados Unidos durante unha década e probabelmente seguirá a estalo.

  Chile permaneceu tamén baixo o tutelaxe de Estados Unidos durante a meirande parte do século XX, agás o breve respiro que lle supuxo o goberno da Fronte Popular, entre 1937 e 1941, e o goberno socialista democrático de Salvador Allende, entre 1970 e 1973. O golpe de Estado argallado por EUA en 1973 impuxo a ditadura de Pinochet, que durou 27 anos. Seguiuna un réxime electoral que continuou a axenda neoliberal de Pinochet-Estados Unidos, que incluía o desmantelamento de todas as reformas nacionais e sociais do goberno popular de Allende. En resumo, Chile permaneceu dentro da órbita política de EUA durante a maior parte do último medio século.

  O réxime socialista democrático de Allende nunca deu armas ao pobo nin estableceu relacións económicas no estranxeiro capaces de soster unha política exterior independente. Non sorprende que estes días Chile siga o chamamento de Trump para derrubar o presidente venezolano Maduro.

 Os resultados contrapostos dos réximes fantoche

  Algúns dos golpes de Estado argallados por EUA foron derrotados antes ou despois.

  O clásico exemplo que ilustra a derrota dun réxime clientelar é o de Cuba, que logrou derrubar a ditadura de case dez anos de Batista e conseguiu resistir unha invasión directa organizada pola CIA e un bloqueo económico durante o último medio século (até os nosos días).

  Cuba foi capaz de derrotar a política restauracionista grazas á decisión de Fidel Castro de armar o pobo, expropiar e tomar o control das multinacionais hostís de Estados Unidos e establecer aliados estratéxicos no exterior: a URSS, China e, moito despois, Venezuela.

  Pola contra, o golpe de Estado apoiado polo exército estadounidense en Brasil (1964) mantivo o poder máis de vinte anos, até que se restaurou parcialmente a política electoral baixo a dirección das elites.

  Dúas décadas de programas económicos neoliberais errados propiciaron a elección dos reformistas sociais do Partido do Traballo (PT), que comezou a poñer en marcha grandes programas para combater a pobreza encadrados no contexto de políticas neoliberais.

  Tras década e media de reformas sociais e unha política exterior relativamente independente, o PT sucumbiu ante a recesión dunha economía dependente das materias primas e ante uns estamentos hostís (a xudicatura e o exército, concretamente) e foi substituído por un par de réximes clientelares de extrema dereita que funcionaron baixo a dirección de Wall Street e do Pentágono.

  Estados Unidos interveu con frecuencia en Bolivia, apoiando golpes militares e réximes clientelares e en contra de réximes nacional-populistas (1954, 1970 e 2001). En 2005, un levantamento popular deu paso a eleccións libres que levaron ao poder a Evo Morales, líder dos movementos cocaleiros. Entre 2005 e o momento actual, o presidente Morales dirixiu un goberno moderado de centroesquerda e antiimperialista.

  O fracaso das iniciativas estadounidenses para derrubar a Morales é consecuencia de diversos factores: Morales organizou e mobilizou unha coalición de campesiños e obreiros (especialmente mineiros e cocaleiros). Gañou a lealdade do exército, expulsou as “axencias de cooperación” que actuaban como cabalo de Troia, ampliou o control sobre os hidrocarburos e promoveu os vínculos coa agroindustria.

  A combinación dunha política exterior independente, unha economía mixta, alto crecemento e reformas moderadas neutralizou os intentos estadounidenses por derrubar o seu goberno.

  Non é ese o caso de Arxentina. Tras o sanguento golpe de Estado de 1976, no que o exército apoiado por EUA asasinou a 30.000 cidadáns, o exército foi derrotado pola Armada Británica na guerra das Malvinas e retirouse despois de sete anos no poder.

  O réxime fantoche nado tras o dos militares gobernou saqueou o país durante case unha década antes de se afundir en 2001 por mor dunha insurrección popular. Con todo, a esquerda radical, carente de cohesión, foi substituída por gobernos de centroesquerda (Kirchner-Fernández) durante ao redor dunha década (2003-2015).

  Os réximes neoliberais do benestar entraron en crise e foron substituídos en 2015 por outro réxime fantoche de Washington encabezado por Macri, que procedeu a reverter as reformas, privatizar a economía e subordinar o Estado aos banqueiros e especuladores estadounidenses.

  Despois de dous anos no poder, o goberno fantoche cambaleou, a economía entrou nunha espiral descendente e comezou outro ciclo de represión e protestas populares. A debilidade do goberno lanzou á xente á rúa mentres o Pentágono afía os seus coitelos e prepara novos fantoches para substituír o actual réxime clientelar.

 Conclusión

 Estados Unidos non puido consolidar os cambios de réxime naqueles países grandes que contan con organizacións de masas e un exército leal. Si o conseguiu en réximes nacional-populares como Brasil e Arxentina. Pero, co tempo, os gobernos fantoche foron derrotados.

  Así como Estados Unidos recorre a unha única “vía” (golpes militares e invasións) para esmagar os gobernos populares pequenos e máis vulnerábeis, utiliza unha estratexia de “múltiples vías” cos grandes países poderosos.

  Polo xeral, no primeiro caso é suficiente unha chamada ao exército ou o envío dos marine para acabar cunha democracia electoral. No caso de países poderosos, EUA utiliza unha estratexia de múltiples axentes que inclúe o bombardeo propagandístico nos medios de comunicación e, catalogar a demócratas como ditadores, extremistas, corruptos, ameaza para a seguridade, etc.

  Cando a tensión aumenta, os clientes rexionais e os estados europeos organízanse para apoiar os fantoches locais.

 O presidente de EUA, cuxo dedo índice vale tanto como o voto de millóns de electores, coroa a presidentes impostores. As manifestacións na rúa e a violencia organizada e pagada pola CIA desestabilizan a economía; as elites empresariais boicotean e paralizan a produción e a distribución. Gástanse millóns en subornar xuíces e altos oficiais do exército. Se o cambio de réxime pode lograrse a través de sátrapas militares locais, Estados Unidos evita a intervención militar directa.

  Os cambios de réxime nos países máis grandes e máis ricos duran entre unha e dúas décadas. Porén, o cambio a un réxime electoral fantoche pode consolidar o poder imperial durante un período máis prolongado, como foi o caso de Chile.

  Cando o réxime democrático ten un forte apoio popular, Estados Unidos proporciona a asistencia ideolóxica e militar para un masacre a grande escala, como ocorreu en Arxentina.

  A próxima confrontación en Venezuela será un caso de cambio de réxime sanguento, pois Estados Unidos terá que asasinar por centos de miles e derrotar os millóns de persoas comprometidas cos avances sociais, coa súa lealdade á nación e coa súa dignidade.

  Pola contra, a burguesía e os traidores políticos que a seguen buscarán vinganza e recorrerán ás máis infames formas de violencia para desposuír os pobres dos seus avances sociais e os seus recordos de liberdade e dignidade.

  Non debe sorprender que o pobo venezolano se estea preparando para unha loita prolongada e decisiva: xógano todo nesta confrontación final co imperio e os seus fantoches.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 8 de febreiro de 2019]