Os comités de Losán pídenlle á SEPI un plan industrial urxente para salvar os empregos e a actividade produtiva

Curtis - 03 Feb 2026

Os comités das distintas fábricas que compoñen o Grupo Losán solicitáronlle formalmente á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) que esixa á dirección do grupo un plan de viabilidade industrial “real e vinculante que garanta a carga de traballo, o futuro da actividade e o mantemento dos postos de traballo”.

A representación social alerta de que a situación actual da empresa xerou “unha profunda incerteza entre o persoal, afectando a preto de 800 traballadores e ás súas familias, que dependen directamente da continuidade da actividade produtiva”. Nas fábricas que a compañía ten en Curtis e Vilasantar traballan máis de 200 persoas.

Segundo os comités, a crise que atravesa o grupo “non responde unicamente a factores externos, senón tamén a erros de xestión, falta de planificación industrial e ausencia dunha estratexia a medio e longo prazo, o que foi debilitando progresivamente a estrutura produtiva”.

“Detrás de cada posto de traballo hai unha familia que agora mesmo vive con angustia e inseguridade. Non estamos ante un simple problema empresarial, senón ante un problema social que xa está tendo consecuencias psicolóxicas e económicas moi graves en centos de fogares”, sinala a representación das persoas traballadoras.

Ante esta situación, solicitaron á SEPI que esixa un plan industrial que garanta carga de traballo e futuro produtivo, que asegure o mantemento do emprego, que supervise a xestión para que calquera recurso público estea vinculado á actividade e ao emprego, e que estabeleza un sistema de seguimento con participación da representación do persoal.

“As persoas traballadoras non pedimos privilexios. Pedimos traballo, futuro e responsabilidade. Non se pode permitir que a mala xestión dunha dirección empresarial arrastre a 800 familias á precariedade e a un problema social de grande magnitude”, conclúen.

O persoal de Industrias Losán e Aserpal ten convocada unha mobilización este xoves 5 de febreiro diante da Delegación do Goberno na Coruña e o xoves 12 de febreiro levarán as súas demandas até a Xunta de Galiza, en Santiago de Compostela.