Os comités do SAF de Santiago denuncian o secretismo do concello sobre o novo concurso

Cualifican de “nefasta" a xestión e exixen que se lles dean, de forma inmediata, explicacións
Compostela - 11 Ago 2020

Os comités de EULEN e Servisar veñen de denunciar a falta de información da nova licitación do concurso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago de Compostela. Denuncian a “nefasta xestión” da concellaría de Políticas Sociais e exixen que se lles dean, de forma inmediata, explicacións.

Segundo explica a delegada da CIG no comité de Eulen, Milagros Rozados, o pasado 22 de xullo envióuselle un correo á concelleira compostelá de Políticas Sociais, Milagros Castro, solicitando unha reunión cos dous comités (EULEN e Servisar) que levan o servizo de Axuda no Fogar, para ter información sobre a licitación. Realizaron tamén unha chamada sen recibir resposta.

Ao confirmar que a concelleira estaba de vacacións decidiron agardar pola súa reincorporación para obter unha reposta pero, malia os reiterados intentos por diversas vías, tampouco a conseguiron.

Porén, “a semana pasada soubemos pola prensa que vai dar unha roda de prensa explicándoo todo”, indica Rozados, quen lembra que no anterior mandato “contouse coa presenza do comité para elaborar os pregos, pero neste mandato nin os ensina antes de ser publicados no BOE, a pesar de pedirllo reiteradamente”.

Os comités denuncian o “secretismo” que rodea este concurso e reclaman publicamente, xa como ultimo recurso, unha reunión urxente coa concelleira, á vista de que non contesta nin ás súas mensaxes, nin ás súas chamadas de teléfono.

“Como traballadoras e afectadas por esta licitación pedimos explicacións, acerca do noso futuro, xa que os pregos son de obrigado cumprimento polas empresas e teñen que ter consideración pola parte social”, afirma a delegada da CIG.

Rozados lembra que os membros dos comités foron a protestar a un pleno, co que conseguiron ter unha xuntanza posterior na que a concelleira se comprometeu a amosarlles os pregos. Ademais, o comité de Eulen reuniuse varias veces con Milagros Castro, antes de marzo deste ano, pero o outro comité, o de Servisar, ten rexistradas 2 solicitudes de reunión, unha de marzo e outra de xullo, sen obter a esta altura resposta algunha.

Ante o actual panorama denuncian a “nefasta xestión”, a “falta de comunicación” e de transparencia coas representantes das traballadoras do SAF de Santiago e demandan que, de contado, se aclaren todos os pormenores desta licitación que pode afectar ás súas condicións laborais e á prestación do propio servizo de axuda no fogar.