Os comités das fundacións de investigación biomédica de Galiza piden o apoio dos grupos parlamentarios

Denuncian que a consellaría non ten interese en reter o talento en Galiza

Nacional -

As e os presidentes dos comités de empresa das Fundacións Biomédicas de investigación sanitaria de Galiza, Paula Cerezo Álvarez, da Fundación Biomédica Galicia Sur; Alejandro Lamelo Alfonsín, da Fundación Prof. Novoa Santos e Ezequiel Álvarez Castro, da Fundación IDIS reuníronse este xoves cos/coas portavoces de sanidade dos cinco grupos parlamentarios para expor a situación laboral que padece o persoal e demandar o seu apoio para que a consellaría de Sanidade acepte negociar un convenio colectivo digno.

Este convenio atinxe a máis de 500 traballadores/as que a día de hoxe, tal e como trasladaron aos grupos parlamentarios nas xuntanzas mantidas onte, non teñen unha norma propia que regule nin as súas condicións laborais, nin as súas obrigas profesionais. “Isto impide un correcto desenvolvemento da carreira investigadora en Galiza e dignificar as condicións laborais actuais, alén de pór en perigo a captación de talento que non se retén pola falta de interese da consellaría de Sanidade”.

Os representantes do persoal das fundacións denuncian ademais que mentres a consellaría se gaba do alto valor da investigación científica en Galiza e dos beneficios que isto reporta para os avances da medicina e a súa aplicación clínica para a saúde da poboación, condena ás/aos profesionais a unhas condicións de inestabilidade e precariedade.

Agardan que desde o Parlamento se consiga presionar á consellaría para que esta desbloquee a situación e se negocie un convenio colectivo digno.

Volver