Os concellos da Coruña, Arteixo e Santiago e o Consorcio impoñen uns servizos mínimos abusivos para a folga das escolas infantís

Nacional - 18 Out 2023

No día de hoxe, 18 de outubro, e a 24h de comezo da primeira xornada de folga nas escolas de educación infantil etapa 0-3, os concellos de Arteixo, A Coruña, Santiago ou Castro de Rei, así como o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (nas escolas infantís de xestión privada) acaban de decretar uns servizos mínimos abusivos que conculcan o dereito á folga das traballadoras das escolas infantís, tendo que dar o servizo coma un día normal de traballo.

Como exemplo, a CIG-Ensino destaca que nalgunha destas escolas só poderán ir á folga 3 das 20 traballadoras, as que fan apoios, pois estarán obrigadas a traballar unha persoa por cada unidade, dúas para abrir e pechar o centro, unha na cociña e outra de limpeza.

Critican que todo isto foi decretado, ademais, sen respectar o propio persoal das escolas "pois nin se negociou coa súa representación sindical nin co comité de folga como é preceptivo por norma".

Chama poderosamente a atención que os servizos mínimos se revistan dun suposto carácter esencial da prestación das escolas infantís, cando estas non abren en días feriados nin en fins de semana. Por outro lado, o carácter abusivo destes servizos aínda é maior se os comparamos cos que acaba de fixar a Consellaría de Educación para folga no ensino público do día 24, sendo estes últimos de unha persoa por centro de traballo para abrir e cerrar o centro, logo dunha sentenza acadada pola CIG-Ensino no seu día e que volven agora á esa normalidade logo do período da pandemia.

 "Este efecto chamada fai que se unan máis concellos a impor estes servizos máis que abusivos que serán recorridos diante dos tribunais mais que claramente crean xa un profundo malestar nas profesionais destes centros, acrecentando un conflito social no sector que estaba até agora centrado na patronal e que agora se estende aos concellos e ao Consorcio Galego", advirten.

 A CIG-Ensino lamenta que estas administracións, gobernadas ademais por diferentes organizacións políticas (PP, PSOE, BNG), se unan en poñer paus nas rodas das lexítimas demandas dun persoal que presta un servizo que debería ser de xestión pública. "Por riba de manter unha xestión indirecta e privatizada, poñéndose habitualmente de perfil nas demandas de melloras laborais, alegando que estas dependen da negociación colectiva coas patronais, agora os gobernos municipais e a propia Xunta, de quen depende o Consorcio, si toman partido, mais do lado da patronal".

Manifestacións en Vigo e A Coruña coincidindo coa folga do xoves 19

Así as cousas, a CIG-Ensino insta ao persoal a secundar a folga e as manifestacións convocadas para a primeira das catro xornadas de folga convocadas no sector. En Vigo haberá manifestación ás 12 horas dende o MARCO até a Porta do Sol e na Coruña a marcha, que tamén sairá ás 12 horas, irá dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco.