Os convenios provinciais do metal da Coruña e de Pontevedra, lonxe do acordo pola actitude inmobilista das patronais
Os convenios colectivos do siderometal das provinciais da Coruña e de Pontevedra atópanse lonxe dun posíbel acordo como consecuencia da actitude inmobilista das patronais, que insisten no primeiro caso en prolongar as negociacións e no segundo en achegar propostas económicas e de redución de xornada claramente insuficientes. Neste contexto, a CIG-Industria celebrou asembleas abertas a todo o sector en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, A Coruña, Ferrol e Santiago para abordar o estado das conversas e consensuar a estratexia negociadora para as seguintes reunións.
No caso do convenio pontevedrés, a pesar de que as partes manteñen xuntanzas semanais tras un intento inicial de dilatar o proceso de negociación, as conversas non está a dar froitos porque o empresariado insiste nunha oferta que contempla un convenio a catro anos (cun incremento salarial total do 12%) ou a dous anos (cun incremento total do 5,5%). Mantendo en ambos os casos as cláusulas de revisión a IPC do convenio actual, topadas ao 2%, e sen redución de xornada nin modificación dos pluses por traballos especiais.
Ademais, négase a limitar a subcontratación no sector a un só nivel, insiste en modificar as licenzas de excedencia, pretende reintroducir as ETT e aposta por afondar na contratación fixa descontinua, “que non ten ningún tipo de sentido neste sector”.
A respecto do convenio coruñés, á falta de avances súmase o “auténtico despropósito” da proposta de calendario trasladada pola patronal, que incumpre o seu compromiso de marcar dúas reunións de maneira pronta, adiando a segunda xuntanza até o 6 de maio, “cando non existe ningún impedimento para convocala antes desa data”.
Dende que se constituíu a mesa negociadora, en novembro de 2025, tan só tiveron lugar cinco encontros entre as partes, e neste momento, a piques de rematar marzo, non se avanzou na negociación de ningún punto da táboa reivindicativa. Ao contrario, a patronal estivo evidenciando que non ten vontade real de negociar nin interese por acadar un acordo de convenio no curto prazo, deixando as xuntanzas sen contido práctico.