Os convocantes da folga nas residencias privadas da terceira idade piden a intervención da Valedora

Consideran que sobarda o conflito laboral e que é unha cuestión social
Nacional - 25 Feb 2022

Os sindicatos CIG, CCO e UGT, convocantes da folga nas residencias privadas da terceira idade que se iniciará o vindeiro día 17 de marzo, presentaron esta mañá un escrito dirixido á Valedora do Pobo en demanda da súa intervención inmediata nun conflito que entenden que non é simplemente laboral, entre traballadoras e patronal, senón unha cuestión social que afecta a toda a sociedade galega, porque, din “estamos falando de que está en xogo a atención e coidado dos noso maiores”.

Apuntan que o dereito a un servizo de coidados de calidade e a prestación de coidados en condicións dignas “está sendo vulnerado” e que “non podemos mirar para outro lado”.

Nese sentido, denuncian que por causas de emerxencia sanitaria, a grave situación que padecían as traballadoras na maioría das residencia privadas da terceira idade, “agora a situación converteuse en insostíbel”, con salarios de miseria, sobrecargas de traballo e falta de tempo para prestar a atención necesaria as e os residentes.

Denuncian ademais os cambios continuos de calendarios, a falta de valoración psicosocial, os cambios continuos nos protocolos e criterios de seguridade e, como colofón final a esta gravísima situación, que a patronal négase a negociar un convenio colectivo digno.

No escrito explícanlle á Valedora que a decisión de convocar unha folga indefinida no sector viu dada tamén, non xa pola falta de vontade para negociar un convenio digno, senón tamén pola inacción da Xunta de Galiza, á que acusan de converter os coidados nun negocio.

Xunto a isto acusan ás empresas de xestionar servizos públicos financiados con diñeiro público para obter “enormes beneficios económicos a costa da explotación salvaxe das traballadoras das residencias da terceira idade e da mala calidade do servizo”.