Os datos da EPA confirman unha baixada da ocupación, especialmente no sector público

A poboación parada incrementouse un 14,5% no primeiro trimestre do ano
Nacional - 26 Abr 2024

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referentes ao primeiro trimestre do ano amosan unha evolución preocupante do mercado de traballo en Galiza, cun incremento da poboación parada do 14,5% e unha baixada da ocupación do 0,7%, especialmente no sector público. Ao mesmo tempo, rexistrouse un importante aumento dos fogares galegos que teñen todos os seus membros en situación de desemprego.

Esta caída da ocupación, ao contrario que noutros casos, non semella responder á estacionalidade do emprego, xa que a maior parte deste descenso produciuse no sector público, concretamente en actividades educativas, sanitarias e da administración xeral. Tamén se produciu unha baixada salientábel da ocupación no sector industrial (0´5%), no que as perdas de emprego teñen un carácter máis estrutural. Outro dato a ter moi en conta é que aumentan en 3300 os fogares con todos os membros no paro, situándose xa nos 49.900 no conxunto do país. 

Hai 3300 fogares máis con todos os seus membros no paro, situándose nos 49.900 no conxunto do país

Tamén é de destacar neste período o medre da poboación maior de 16 anos (0,2%), rexistrándose 3600 persoas máis con respecto ao trimestre anterior; incremento que se reparte entre a poboación activa (8500 persoas máis) e a inactiva (que descendeu en 4900 persoas).

Ao mesmo tempo, todo fai indicar que se produce certo transvase de poboación inactiva a activa, xa que entre a poboación inactiva o que máis descende son as persoas que estaban percibindo unha pensión distinta da de xubilación e as “amas de casa”. Pero é a chegada de poboación estranxeira o que explica o aumento da poboación activa: o 80% das novas persoas activas son estranxeiras; a maioría proceden de América Latina e son mulleres.

Os datos amosan tamén que neste trimestre a ocupación descendeu en maior medida entre a poboación masculina, xa que a caída da poboación ocupada correspondeu nun 80% aos homes. Con esta evolución, a taxa de paro sitúase no 10,5%: 10% entre os homes e 10,9% entre as mulleres.

Sector industrial e servizos públicos

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, estas cifras confirman o que a CIG leva anos denunciando e evidencian a pertinencia da campaña contra a precariedade que a central sindical está a desenvolver “por que é máis necesario ca nunca poñerlle freo ao deterioro do mercado de traballo e das condicións laborais”.

Neste senso, cualifica de “moi preocupante” o incremento do paro rexistrado no último trimestre, “situando unha vez máis o Estado español á cabeza do desemprego en toda a Unión Europea, até o punto de que é o único Estado cunha taxa de paro de dous díxitos”.

Fronte a isto, apelou á necesidade de implementar medidas que garantan un sector industrial e uns servizos públicos fortes. “Porque a ocupación industrial baixou un 0,5% e vemos como se están a desmantelar os servizos públicos, xa que os datos amosan unha perda de emprego neste sector”.