Os datos do paro no mes de xuño amosan un mercado laboral cada vez máis precario e dependente do sector servizos

A hostalaría rexistra unha de cada tres altas na Seguridade Social, mentres que o comercio supón unha de cada catro
Nacional - 02 Xul 2025

Os datos do paro do pasado mes de xuño publicados hoxe polo Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) amosan a consolidación dun mercado laboral cada vez máis precario e dependente do sector servizos, no que a parcialidade da contratación e os baixos salarios son a tónica dominante. Até o punto de que a hostalaría rexistra xa unha de cada tres altas na Seguridade Social (SS), mentres que o comercio supón unha de cada catro.

É habitual que durante o mes de xuño se produzan variacións nas dinámicas do mercado laboral. Por unha banda, as contratacións temporais aumentan para responder ás necesidades vinculadas ao turismo -como a hostalaría e o comercio- ou para dar cobertura de vacacións en sectores como o sanitario, o que provoca un incremento da afiliación á SS nestas actividades. Por outra banda, a finalización de contratos en ámbitos como o educativo supón unha redución na afiliación. Polo que se trata de movementos conxunturais que se resolven maioritariamente con contratos temporais. De feito, a maior parte das novas afiliacións son mediante este tipo de contratación.

Afiliación á Seguridade Social

 

 

Variación

 

Maio

Xuño

Absoluta

%

A Coruña

478.389

480.412

            2.023

0,4%

Lugo

127.072

127.966

               894

0,7%

Ourense

107.945

108.807

               862

0,8%

Pontevedra

381.399

385.464

            4.065

1,1%

Total

1.094.805

1.102.649

            7.844

0,7%

Fonte: SS.

A baixada do desemprego rexistrada neste período non pode agochar o constante medre da inestabilidade e da precariedade que caracteriza o mercado laboral, sen que as Administracións sexan quen de implementar medidas que consigan frear esta dinámica. “Un de cada tres contratos corresponden á hostalaría, e un de cada catro ao comercio, precisamente os sectores coas ramas de actividade con peores condicións e salarios máis baixos; de feito, o comercio é o sector que máis persoas ocupa, con case 40.000 máis que o segundo, que é a industria manufactureira”, tal e como sinala Paco Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG. 

A baixada do desemprego rexistrada neste período non pode agochar o constante medre da inestabilidade e da precariedade

Para o responsábel sindical isto amosa o cada vez maior peso que esta actividade ten na economía galega como consecuencia dunha política da Xunta orientada ao Camiño de Santiago “e ao esmorecemento do sector industrial, que é o que mellores condicións laborais e salarios ten”. De igual xeito, outras actividades con boas condicións de traballo como as financeiras e de seguros, as inmobiliarias ou as de información e comunicación tampouco medran e teñen un peso menor.

Outro dato que evidencia a precariedade do mercado laboral ten que ver co feito de que o 78% das 7358 altas á Seguridade Social foron con contratos temporais, sexa a tempo completo ou parciais. “Vemos polo tanto que o emprego que se crea é vinculado ao período estival e ao turismo masivo, sen que sirva polo tanto para rematar coa precariedade e coa pobreza laboral a afondando nas dificultades para acceder a unha vivenda”.

Ao mesmo tempo, as estatísticas amosan un comportamento moi preocupante do sector primario no noso país, cun novo descenso da afiliación. “Este sector fundamental atravesa unha profunda crise derivada da aposta radical da Xunta pola eucaliptización de Galiza e pola instalación de proxectos contaminantes como o de Altri”, denuncia Sío.

Afiliación por sectores.

     

Variación

 

2025/05

2025/06

Absoluta

%

Sector primario

30.967

30.947

-19

-0,1%

Industria

149.738

150.770

1.032

0,7%

Construción

82.757

83.120

363

0,4%

Servizos

785.502

791.921

6.419

0,8%

Fonte: SS.

Por iso dende a CIG insisten en que outro modelo económico e social é posíbel, pero pasa por contar cunha industria forte e por políticas que xeren emprego e que garantan servizos públicos de calidade. “Só deste xeito poderemos facerlle fronte ás crises cíclicas que provoca o sistema capitalista, xa que agora no caso de que se produza unha nova recesión imos atoparnos en peor situación que en calquera momento da historia, o que agudizará aínda máis a crise social que atravesamos pese a ter a taxa máis baixa da democracia”.

Finalmente, Sío pon acento nunha cuestión que tamén reflicten os datos do paro publicados hoxe e que a CIG leva tempo denunciando: tras a reforma asinada en outubro por CCOO e UGT coa patronal e co Ministerio de Seguridade Social a xubilación por contrato relevo pasa practicamente a desaparecer. “Isto fai máis difícil que as persoas traballadoras poidan ter unha xubilación digna, polo que reclamamos que a xubilación parcial volva ser aos 61 anos”.