Os datos sociolaborais amosan a situación “crítica” de Ourense, que compromete incluso a súa “supervivencia”
A CIG presentou recentemente un informe sociolaboral elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da central sindical que deixa ao descuberto a situación “crítica” que atravesa a provincia de Ourense, até o punto que ameaza a súa propia “supervivencia”. Os datos “demoledores” amosan un incremento das desigualdades e revelan que as persoas traballadoras ourensás padecen a maior taxa de temporalidade de Galiza e ingresan até 1500 euros brutos menos ao ano, mentres que a provincia -na que non deixa de medrar a desigualdades económica- concentra a poboación máis avellentada do conxunto do Estado español. [CONSULTA O DOCUMENTO COMPLETO AO FINAL DA NOVA].
O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, foi o encargado de presentar o informe xunto á economista do Gabinete Técnico Confederal Natividad López Gromaz. O responsábel sindical reclamou a adopción de medidas estruturais urxentes para facerlle fronte a unha situación que cualificou de “máis que preocupante” e que compromete mesmo a propia subsistencia da provincia. “Temos menos poboación, e a que queda está máis avellentada e é máis pobre”, resumiu.
Temos menos poboación, e a que queda está máis avellentada e é máis pobre
En consecuencia, adiantou que o traballo elaborado polo Gabinete de Economía da CIG “vai ser para nós un eixo de actuación sindical, máis alá do traballo diario, porque é necesario promover unha acción social conxunta entre distintas organizacións sociais, políticas, veciñais e culturais para enfrontar esta situación”.
Pola súa banda, a economista encargada da elaboración do informe indicou que o traballo non só é unha radiografía da situación, “senón que intentamos analizar a evolución dos datos no tempo, para o que collemos como referencia dous anos: 2009 para ter en conta a última crise financeira e 2019 para medir o impacto da crise sanitaria que logo derivou en crise económica”.
O primeiro que fixo López Gromaz foi analizar a evolución da poboación da provincia, “atopándonos con datos demoledores”. Porque se ben é certo que se están a perder habitantes no conxunto de Galiza, a caída en Ourense é exponencialmente superior ao do resto do país. “Sen ir máis lonxe, dende 2009 a provincia perdeu un 9% da súa poboación, cando a media galega foi do 3,5%, ao que hai que sumarlle o elevado avellentamento”. Até o punto de que o 31,5% das persoas ten máis de 65 anos, cando a media estatal non chega ao 20%; o 12% supera os 85 anos, e xa son máis que os menores de 15 anos.
Na provincia de Ourense viven o maior número de persoas maiores de 65 anos do Estado, e xunto con Zamora ten a media de poboación con maior idade (51 anos). “É no único no que lidera as estatísticas, en avellentamento poboacional”, denunciou López Gromaz. Ademais, p saldo vexetativo é terríbel: o número de defuncións case triplica o de nacementos.
Descenso da poboación activa
A poboación activa descendeu un 10% dende 2009. Dentro dela, a ocupada descendeu un 10,8% e a parada un 4,7%. Este descenso da poboación parada non se debe a un aumento da ocupación, que tamén baixa, senón a unha saída do mercado de traballo, ben sexa por xubilación ou pola emigración, que segue moi presente na provincia. “Algo que chama a atención é o estancamento da poboación activa, até o punto que experimenta pouca variación mesmo nos períodos de crises”, sinala a economista.
Por sectores, a ocupación no primario caeu practicamente á metade até 2019, mais a partir dese ano foi o que mellor respondeu e no que máis aumentou o número de persoas ocupadas. Pola contra, o sector servizos segue a ter menos ocupación que en 2009, mentres que no resto de Galiza foi o único no que se recuperou a ocupación. Tamén chama a atención a caída rexistrada no sector dos transportes.
Só se crea emprego nos coidados e no sector público, aínda que neste último trátase en boa medida de emprego temporal (case o 32% en 2021). Tamén salienta a escasa duración dos contratos (o 33% duraron menos de 5 meses en 2021) e a parcialidade (que afecta especialmente ás mulleres, cun 70%; entre os homes a parcialidade duplicouse, aínda que non chega ao 6%, mentres que esta porcentaxe elévase ao 20% entre as mulleres).
Ingresos salariais
En canto aos ingresos salariais, segundo datos da Axencia Tributaria, na provincia de Ourense só aumentaron as persoas asalariadas nos tramos de ingresos 1,5 veces inferior ao SMI. A partir de aí descendeu en todos os tramos, pero de xeito máis acusado no de maiores ingresos. En 2009 había 391 persoas con ingresos superiores a 10 veces o SMI, mentres que en 2020 eran 60. “Aínda que é certo que os seus ingresos duplicáronse, polo que se nese ano unha persoa deste tramo ingresaba tanto como 62 persoas do tramo máis baixo, agora faino como 72, o que amosa que as desigualdades estanse a disparar”.
Este medre das desigualdades leva a que o 41,5% das persoas asalariadas non chegase a percibir o SMI en 2021, mentres que un 20% non ingresou nin a metade (3000 euros de ingresos brutos anuais). “Estamos a falar dun número moi elevado de persoas traballadoras pobres cuxos ingresos non son suficientes para vivir”. Para a economista da CIG esta situación aínda vai empeorar co aumento da temporalidade e da parcialidade como consecuencia da última reforma laboral, que está a disparar a contratación fixa-descontinua.
Estes datos están a ter un reflexo directo nas pensións, até o punto que as de Ourense son as máis baixas do país (cunha media de 769 euros mensuais en 2021). E as mulleres pensionistas cobran case un 31% menos que os homes, como consecuencia en boa parte das pensións de viuvez, pero tamén pola vida laboral máis precaria que padecen.