Os delegados da CIG advirten que as medidas anunciadas non melloran a seguridade do Campus pero poñen en risco o persoal de vixilancia

Santiago -

Os delegados e delegadas da CIG do persoal de seguridade do Campus Sur, Norte e Zona Histórica da Universidade de Santiago veñen de advertir que as medidas anunciadas non melloran en nada a seguridade do campus pero si poñen en risco o persoal de vixilancia. "Comprendemos e compartimos as cuestións denunciadas por un grupo de estudantes a respecto da falta de seguridade. Trasladamos a nosa solidariedade as súas demandas e o apoio á iniciativa coñecida como "mapa do medo", e consideramos que urxe unha maior vixilancia e medidas máis efectivas para avanzar na seguridade".

Porén, a representación da CIG explica que as medidas tomadas tras a denuncia pública destas compañeiras limítanse a actuacións meramente propagandísticas sen efectos reais, posto que non se reforzou a seguridade no recinto. Ao contrario, subliñan, a orden de dividir a parella que realiza as tarefas de vixilancia, que agora terán que facer os labores de control por separado e en solitario, xera unha situación de perigosidade para os traballadores e as traballadoras de seguridade do campus.

"Dende a CIG queremos advertir que separar a parella de vixilantes non mellora en nada a seguridade real no campus, pero si que pon en perigo os compañeiros e compañeiras que realizan este traballo ao vérense privados do apoio necesario en momentos conflitivos", apuntan.

Por iso, demandan das persoas responsábeis do campus que recúen na súa decisión "e aposten por negociar e buscar medidas que dean resposta real ás problemáticas que as estudantes deixaron en evidencia".

Volver