A sentenza da Audiencia Nacional do 19 de maio de 2026 —proc. 158/2026, CEX— declara ilegal a práctica das empresas do sector de centros de chamadas consistente en non compensar cun día de descanso os festivos locais, autonómicos ou estatais que cadren co descanso semanal do sábado.
A sentenza, coa participación da CIG no proceso, enmárcase nunha liña de recoñecemento progresivo do dereito á compensación que ten como fitos máis relevantes as sentenzas do Tribunal Supremo do 9 de xullo de 2024 —rec. 222/2022, Espasa Calpe—, do 30 de abril de 2025 —rec. 113/2023, Zara— e do 11 de marzo de 2026 —rec. 106/2025, Autos Carballo—.
Esta última sentenza do TS, que se corresponde cun conflito colectivo interposto pola CIG perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, estabelece a doutrina que cita a AN na sentenza de centros de chamadas e é a que abre a porta a que a compensación se produza en xornadas que non sexan de luns a domingo, ao indicar que “a solución debe ser similar en todo suposto”.
Con estas últimas resolucións aclárase a doutrina xudicial, até agora algo confusa, e advírtese ás empresas de que non poden facer desaparecer festivos mediante os cadrantes de traballo, sexa cal sexa a xornada das persoas traballadoras.