Os Estados Unidos contra Cuba e Venezuela: a apetencia polo control do Caribe
Os EUA, que continúan sendo a principal potencia militar, perden de maneira progresiva primacía económica e comercial. Nese contexto, impedir a formación de alianzas económicas alternativas adquire un valor estratéxico maior. A militarización do Caribe, ademais, modifica o comportamento doutros actores, xa que supón un salto cualitativo desde a presión económica, á ameaza de confrontación armada
Desde mediados do século XX América Latina constituíu o primeiro espazo onde a orde internacional posterior á Guerra Fría bateu cunha resistencia persistente. Cuba demostrouno ao sobrevivir desde 1959 ao illamento e á desintegración do bloque socialista.
Tres décadas despois, en 1989, mentres o mundo proclamaba a "fin da historia", o Caracazo venezolano sinalaba en sentido contrario. Aquel episodio abriu un proceso político que culminaría co triunfo de Hugo Chávez en 1998, a posterior derrota do ALCA e a creación da ALBA, un proxecto fundado por Caracas e A Habana, ao que se integrarían distintos gobernos latinoamericanos.
Inaugurábase así un ciclo histórico que modificaba a correlación rexional de forzas e refutaba na práctica a idea dunha orde definitiva dirixida desde un único centro de poder. América Latina buscaba a emancipación do control estadounidense e, ademais, este proceso coincidía coa emerxencia dun mundo multipolar e coa aparición de novos socios comerciais.
Desde aquela, a política hemisférica estadounidense tentou reverter ese proceso de maneira constante, aínda que de cando en vez o recoñeceu explicitamente nas súas doutrinas de seguridade. As intervencións indirectas e directas —desde Honduras en 2009 até Bolivia en 2019, xunto á presión permanente sobre Cuba, Venezuela e Nicaragua— responden a unha mesma lóxica, que necesita restaurar un marco rexional compatíbel coa súa primacía estratéxica. A doutrina actual non inaugura esa orientación, aínda que é certo que é máis explícita tanto no aspecto declarativo como nas súas accións.
É así como o Caribe atravesa hoxe un único proceso político expresado en dúas frontes: a intervención sobre Venezuela e o asedio material a Cuba. Este proceso faise visíbel a través do control do mar.
Tras o despregamento naval estadounidense na rexión, en 2025, comezaron ataques a embarcacións menores desde finais de agosto. Baixo distintos pretextos operativos, forzas estadounidenses interceptaron e atacaron lanchas rápidas, asasinando a máis dun centenar de persoas en poucos meses. Aquel ataque inicial contra os máis humildes —sen capacidade de defensa nin peso xeopolítico— foi doadamente relegado na axenda internacional, pero marcou o inicio da intervención directa sobre o tráfico marítimo civil.
Pouco despois comezaron as interceptacións de buques petroleiros vinculados ao comercio venezolano e xa en decembro se formalizou un bloqueo operativo contra determinados buques, aínda que as actuacións excederon amplamente as listaxes de sancións e alcanzaron a embarcacións que comerciaban baixo contratos ordinarios.
O petroleiro Skipper foi interceptado fronte ás costas venezolanas e a súa carga confiscada a pesar de se atopar en tránsito comercial; o Centuries, que transportaba cru cara a Asia baixo bandeira panameña, foi retido aínda sen figurar inicialmente en rexistros restritivos; varios buques rebautizados tras cambios de propiedade —unha práctica habitual no comercio marítimo— foron perseguidos durante semanas, coma se o cambio nominal constituíse en por si proba de ilegalidade; e unha nave vinculada a operadores rusos foi rastrexada desde o Caribe até o Atlántico Norte antes de ser abordada. No caso do Veronica III, o seguimento prolongouse até o océano Índico para capturalo en augas internacionais, fóra de calquera xurisdición inmediata dos EUA.
O resultado foron varios millóns de barrís venezolanos retidos ou desviados, con perdas superiores a 1.000 millóns de dólares. Unha incautación material directa que ademais transmitía unha mensaxe: calquera actor que participase no comercio enerxético con Caracas podía ser obxecto de interceptación física, existise ou non sanción previa formalmente estabelecida.
O 3 de xaneiro a escalada deu un salto cualitativo. Washington secuestrou o presidente venezolano, Nicolás Maduro, e, de forma simultánea, abandonou abertamente a retórica da "loita contra o narcotráfico", mesmo chegando a admitir que o chamado 'Cartel dos Soles' era máis unha fórmula discursiva que unha estrutura probada. A partir dese momento, o obxectivo fíxose explícito: o petróleo.
Á súa vez, o control progresivo do espazo marítimo caribeño permitiu intensificar o cerco contra Cuba en termos distintos aos do pasado. Durante máis de seis décadas, o bloqueo operou mediante sancións financeiras, comerciais e diplomáticas que dificultaban comerciar, pero non impedían fisicamente que o comercio existise. A illa sostivo o seu funcionamento mediante acordos enerxéticos soberanos —principalmente con Venezuela—. Nunha economía insular dependente da importación enerxética, impedir a chegada de combustíbel paraliza o transporte, a electricidade, a sanidade e o abastecemento básico.
Cando as exportacións petroleiras venezolanas comezaron a ser interceptadas e o tránsito marítimo perseguido, o fluxo de cru cara á illa interrompeuse, tal e como denunciou o presidente cubano, Miguel Díaz-Canel. Ademais, á presión naval contra as exportacións venezolanas, engadíronse ameazas de sancións e aranceis contra terceiros países ou empresas que abastecesen a Cuba. O bloqueo económico pasaba así a converterse en asedio material. É esta situación creada polos EUA a que explica a crise humanitaria que vive a illa.
A coerción acelera os acontecementos, pero ao mesmo tempo acurta o tempo dispoñíbel para sostela: se non obtén resultados rápidos, a presión externa convértese en desgaste interno. E con eleccións de medio termo a final de ano, ese desgaste pode traducirse nunha perda de apoio político para o propio presidente estadounidense.
Para poder comprender este escenario, debemos revisar a Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA presentada a finais de 2025, que define o hemisferio occidental como prioridade absoluta e recupera explicitamente a Doutrina Monroe baixo unha formulación actualizada: excluír a presenza de potencias extrarrexionais. En termos prácticos, isto significa impedir a consolidación de circuítos económicos alternativos á propia centralidade estadounidense.
Os EUA, que continúan sendo a principal potencia militar, perden de maneira progresiva primacía económica e comercial. Nese contexto, impedir a formación de alianzas económicas alternativas adquire un valor estratéxico maior. A presión deixa de centrarse unicamente en sancións financeiras e desprázase cara ao control material de rutas e recursos. A militarización do Caribe, ademais, modifica o comportamento doutros actores, xa que supón un salto cualitativo desde a presión económica, á ameaza de confrontación armada.
Así e todo, esta estratexia tamén ten límites materiais. Manter unha presenza naval permanente supón miles de millóns de dólares adicionais nun contexto de débeda pública e déficits anuais de enorme magnitude. A coerción acelera os acontecementos, pero ao mesmo tempo acurta o tempo dispoñíbel para sostela: se non obtén resultados rápidos, a presión externa convértese en desgaste interno. E con eleccións de medio termo a final de ano, ese desgaste pode traducirse nunha perda de apoio político para o propio presidente estadounidense.
Por outra banda, a estratexia de asfixia tampouco produciu o desenlace automático que algúns anticipaban. Venezuela non colapsou tras o bombardeo e o secuestro do seu presidente. O Estado activou mecanismos de reorganización defensiva que, aínda que implican concesións económicas tácticas dolorosas, lograron evitar a fractura interna buscada. Do mesmo xeito, Cuba non enfronta por primeira vez un intento de estrangulamento: atravesou décadas de bloqueo, o 'Período Especial' e múltiples ciclos de agravamento de sancións. A experiencia acumulada forma parte da súa memoria estratéxica.
Non é a primeira vez que unha orde internacional responde así ante un proceso que non logra reverter. Tras as guerras napoleónicas, as potencias europeas escenificaron no Congreso de Viena de 1815 a restauración do Antigo Réxime. Aquela vitoria non detivo as transformacións en curso e, co tempo, o liberalismo terminou impóndose. Así, a historia demostra que as dinámicas de forza xeran respostas, reacomodamentos e resultados distintos aos previstos por quen cre controlar o taboleiro. O Caribe é hoxe unha fronte estratéxica, pero o seu desenlace non está escrito.
[Artigo tirado do sitio web Actualidad RT, do 17 de febreiro de 2026]