"Os Gobernos teñen que garantir a viabilidade dunha industria como a do aluminio e iso implica solucionar o problema da enerxía"

Entrevista a Xosé Paleo, presidente do comité de Alcoa San Cibrao e delegado da CIG
San Cibrao - 06 Set 2019

A dirección de Alcoa, escusándose no elevado prezo da enerxía, confirmaba a finais de agosto a súa decisión de parar 32 das 512 cubas electrolíticas. Unha decisión que deixa nunha  situación incerta á fábrica de aluminio de San Cibrao ao conxunto da comarca da Mariña, que ten nesta actividade o seu motor económico fundamental. Para abordar a situación do complexo e as demandas sociais, falamos con Xosé Paleo, presidente do comité de empresa e delegado da CIG.  

Que implica a parada de 32 cubas para a fábrica de San Cibrao? Védevos reflectidos no que pasou nas fábricas da Coruña e Avilés?

En xullo pasado xa se producira unha baixada do 5% da produción e tan só un mes despois a empresa anunciou a parada de 32 das 512 cubas electrolíticas. En total, un recorte de máis do 11% da produción. Pero non se trata só desta decisión actual, senón do camiño que se anuncia. Non podemos evitar vernos reflectidos no que aconteceu nas fábricas da Coruña e Avilés, que durante anos viviron unha agonía que rematou, primeiro co anuncio dun ERE de extinción e o peche das cubas, e finalmente, grazas á mobilización dos traballadores e traballadoras, coa venda a Parter, para quedar, por agora, só como fundicións.

O seguinte paso pode ser novos anuncios de paradas, tocar o emprego, etc. E que significaría isto para a comarca? pois sería unha auténtica catástrofe. Esta fábrica é o principal motor económico da Mariña con moita diferenza e un referente, non só polo número de empregos (aquí traballan máis de 2.000 persoas), senón a nivel de dereitos sociais e sindicais.

Pero, de non pórse solución, a posibilidade de desaparición de Alcoa existe e imos pelexar non só para que non chegue sequera a formularse esa posibilidade, senón para que nin sequera se leven diante medidas de axuste máis suaves.

Unha das primeiras reclamacións do comité foi apelar á responsabilidades dos Gobernos español e galego. E onte mesmo houbo reunión en Santiago co presidente da Xunta e a Consellaría de Industria, que demandas se lle trasladaron dende a representacións social?

Entendemos que é responsabilidade da Administración española e da galega garantir a viabilidade do tecido industrial e dunha industria que ten futuro como a produción do aluminio. Calquera país que se diga avanzado non pode permitirse perder este tipo de industria. Hai que ser moi conscientes de que se consentimos que se peche unha fábrica como a de San Cibrao, neste comarca non se volverá montar outra deste tamaño durante moito tempo.

Por iso, unha das primeiras cousas que fixemos foi solicitar a intervención da Administración estatal e xestionar a visita da Ministra de Industria ás instalacións para que coñeza a problemática real e cal é o peso da fábrica na comarca. Visita da que aínda agardamos que se concrete unha data.

Se non hai solución ao prezo da enerxía non hai futuro para a fábrica, nin para San Cibrao nin para ningunha outra electrointensiva"

No caso da Xunta, na reunión deste xoves solicitámoslle a creación dunha mesa de traballo para a defensa do Aluminio Primario Galego co obxectivo de buscar solucións ao custe enerxético para o conxunto da industria electrointensiva. A produción de aluminio é á máis electrointensiva de todas e polo tanto a que máis está sufrindo este problema. Hai que ter en conta que o prezo da electricidade supón o 40% do custe de produción do aluminio.

Nesa mesa pedimos que estean presentes o Goberno galego, os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, as organizacións sindicais e o comité de empresa e que se aborde o contido actual do estatuto do consumidor electrointensivo e da súa situación xurídica; acelerar o pago do CO2 licitado e ampliar este ao máximo permitido pola Unión Europea; e tamén clarificar cando e en que condición sairá a poxa de interrompibilidade.

Pero ademais de procurar solucións ao problema enerxético, esa mesa tamén debe esixir a Alcoa que reinicie a actividade nas cubas paradas e cese nos seus intentos de reducir a produción, así como un plan de garantías ligado á solución enerxética. Se as administracións articulan un novo sistema enerxético, ademais de facilitar un prezo estábel e competitivo, deben pedirlle contrapartidas a Alcoa, como un plan de garantías que contemple medidas de emprego, investimentos e permanencia. Non queremos atoparnos dentro duns anos cunha fábrica envellecida e obsoleta por falta de inversións.

E que compromisos adquiriu a Xunta?

O presidente da Xunta comprometeuse a solicitar a activación do que denominou "mesa industrial de Alcoa" na que estaría presente a Xunta de Galiza, os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica,  os sindicatos e o comité de empresa de San Cibrao. Reclamámoslle tamén que nesa mesa ten que estar a CIG como sindicato máis representativo e na súa condición de primeira forza sindical en Galiza.

Cal é a solución máis urxente para garantir o futuro da fábrica?

Imos propor un calendario de mobilizacións a iniciar o 13 de setembro, que se repetirá os venres de todas as semanas"

Se non hai solución ao prezo da enerxía non hai futuro para a fábrica, nin para esta nin para ningunha outra electrointensiva. O Goberno español comprometérase a aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo antes das eleccións de abril, pero a día de hoxe nada se avanzou e nin sequera sabemos o contido deste. É fundamental establecer un novo marco regulador da enerxía máis xusto, estábel e competitivo.

Cales son as próximas accións que ten previsto levar adiante o comité?

Hoxe temos convocada asemblea cos delegados/as das auxiliares porque este é un problema que afecta ao persoal da principal e das contratas. E para o xoves 12 de setembro temos convocada asemblea xeral de traballadores/as na que proporemos un calendario de mobilizacións que comezaría ao día seguinte, o venres 13, e que se repetirá os venres de todas as semanas. Nesa xornada está previsto un reparto de follas informativos entre o persoal a primeira hora e unha concentración na rotonda do Castelo á saída da quenda de traballo. Este é o quentamento dos motores, pois a medida que vaia evolucionando o conflito iremos acordando as medidas de presión máis adecuadas.

Proposta da CIG para unha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel

A CIG ten elabora dende outubro do ano pasado unha proposta de tarifa eléctrica para as industrias electrointensivas, que xa remitiu até en catro ocasións ao Goberno español, que trasladou á Xunta, aos grupos parlamentares, á patronal do sector, que presentou ao comisario europeo de Enerxía e que mesmo recibiu o apoio dos plenos dos concellos de Arteixo e da Coruña a través dunha moción.

En liñas xerais, a proposta da CIG contempla liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico (primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario); e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercutan na tarifa eléctrica que pagamos o resto de consumidores/as.

Así mesmo, a CIG defende que se contemple a máxima compensación permitida pola UE por C02, pois o propio comisario Arias Cañete recoñeceu durante a reunión coa CIG que o Estado español apenas gasta un 2% de todo o presuposto posíbel para esta tipo de compensacións. De igual xeito, co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a central propón retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Para acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.