Os grupos parlamentares concordan coa CIG e pedirán que a ILP da tarifa eléctrica se tramite neste período de sesións

A central fará seguimento da iniciativa para que no seu percorrido non se baleire de contido

Compostela -

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o responsábel de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco, reuníanse este martes cos grupos parlamentares para coñecer a súa disposición a defender que a ILP por unha tarifa eléctrica galega, promovida pola central sindical e aprobada por unanimidade no pleno do pasado 26 de xaneiro, sexa tramitada antes de que remate o actual período de sesións da cámara.

Seixo explicou que a CIG solicitou entrevistarse con todos os grupos tras o PP enviar unha comunicación á Mesa do Parlamento pedindo que non se abrira o proceso de emendas mentres non se contara con informes dos servizos xurídicos da Xunta de Galiza e non se celebrara un proceso previo de comparecencias. “Ante o temor a que iso se utilizara como unha manobra dilatoria por parte do PP para retrasar a tramitación da ILP decidimos falar directamente con todos os grupos parlamentarios para coñecer a súa posición a respecto desta cuestión”.

Nas xuntanzas, confirmadas para este martes cos grupos do BNG, AGE, Mixto e PSOE, todos os representantes compartiron que efectivamente esta ILP debería debaterse neste período de sesións. Para iso concordaron coa CIG na necesidade de limitar no tempo o debate en Comisión e o número de comparecencias.

No mesmo sentido se posicionou o PP, a  través do seu portavoz,  Pedro Puy Fraga, quen confirmou, nos corredores do Parlamento, a intención do seu grupo de limitar o número de comparecencias para que o trámite finalice antes do remate deste período de sesións. En todo caso explicou que se precisa un informe dos servizos xurídicos da Xunta de Galiza para a partir de aí comezar coa tramitación da ILP.

Pola súa banda, Fernando Branco, asegurou que a CIG fará un seguimento para que se cumpran os obxectivos da ILP e que o contido da lei que finalmente se aprobe se corresponda co proposto pola central sindical. Avanzou ademais que a CIG continuará co traballo social desenvolvido até o de agora para seguir sumando apoios a esta iniciativa.

Volver