Os inspectores de pesca convocan folga contra o empeoramento das condicións de traballo

O Ministerio de Pesca quere impoñer un sistema de ultradispoñibilidade, flexibilizar os horarios e aumentar a xornada laboral
Pontevedra/A Coruña - 16 Mar 2023

O persoal do Servizo de Inspección de Pesca Marítima, dependente do Ministerio de Pesca e Alimentación, vén de convocar unha xornada de folga a nivel estatal o vindeiro 28 de marzo contra o empeoramento das súas condicións de traballo. En concreto, rexeitan a imposición dunha instrución de horarios que suporá a implementación dun sistema de “ultradispoñibilidade”, o aumento da flexibilidade horaria e o incremento da xornada laboral.

O noso país conta na actualidade con 30 inspectores/as, 16 en Pontevedra e 14 na Coruña, aos que hai que sumar dous xefes/as de servizo. No conxunto do Estado español son 167 os traballadores/as adscritos a este servizo de inspección, control e vixilancia pesqueira.

O paro está promovido pola CIG, ELA, CCOO e CSIF, que nos vindeiros días negociarán os servizos mínimos coa Administración. O obxectivo da convocatoria é rexeitar a instrución de horarios imposta polo Ministerio aos funcionarios/as que desenvolven traballo de campo no servizo e que vai supoñer un empeoramento das súas condicións de traballo.

Así o explicou a representación da CIG no servizo durante a rolda de prensa celebrada onte pola mañá xunto ao CSIF diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, acto que contou co apoio da xunta de persoal do organismo estatal e con responsábeis da CIG-Administración, entre eles/as o secretario nacional Luís Carballo. En concreto, as centrais sindicais denuncian que o novo regulamento vai introducir un sistema de “ultradispoñibilidade”, xa que obrigaría o persoal a estar localizado e dispoñíbel nun tempo máximo de dúas horas para a realización de calquera actividade de inspección, control ou vixilancia pesqueira.

A cambio, a Administración pretende abonar un complemento de produtividade cuxo importe aínda se descoñece, “e que se perdería no caso de cambio de Goberno ou de desaparición da flota pesqueira, isto último algo moi probábel tendo en conta a presión que se está a exercer dende a Unión Europea”. Neste senso, defenden que a dispoñibilidade debera estar retribuída no salario ao tratarse dunha función estrutural do seu posto de traballo.

Aumento da xornada

Outra cuestión que rexeitan é que a instrución supoña un aumento da xornada de traballo, que pasa de 35,5 a 40 horas semanais. Ademais, impón a flexibilidade horaria e as reprogramacións en marcha (cambio de obxectivos dun día para outro), “de xeito que se por exemplo hai mal tempo e non se rexistra actividade pesqueira poden mandarnos para a oficina”. E a mobilidade forzosa, mediante a que se poderán programar até 25 xornadas de pernocta fóra do domicilio.

Tamén se opoñen a que na elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT) se manteñan as categorías laborais de inspectores/as de nivel 22 e 24, “que supón a existencia de diferencias salariais a pesar de que facemos exactamente o mesmo traballo”.

Por todo isto acordaron convocar unha xornada de folga de 24 horas, que aproveitarán para desenvolver unha protesta diante do Ministerio de Pesca en Madrid ás 12:30 horas, protesta na que participará unha representación dos inspectores/as de pesca galegos/as.