Os miserábeis que privilexian as ganancias

Julio C. Gambina -

Resulta urxente xerar condicións de funcionamento do sistema de saúde pública, destruído durante case medio século de políticas "neoliberais", que, privilexiando o mercado, a iniciativa privada, co obxectivo exclusivo de xerar ganancias, permitiron a transformación dun "dereito" á saúde, nunha mercadoría que se compra e se vende no mercado

 A presión mediática de antigos e novos voceiros do poder económico demandando "flexibilizar" o illamento social preventivo e obrigatorio, ante a pandemia do coronavirus, son os mesmos que demandaban e demandan flexibilizar as relacións laborais (eliminar dereitos sociais e laborais) e mesmo, máis abertamente, baixar a presión impositiva sobre o capital. Sosteñen que o "capital" é a vangarda do proceso produtivo, porque é o que anticipa o diñeiro para o investimento e, en consecuencia, o capital é o que "dá" traballo. O discurso clama por salvar os capitais que son os que poden investir e, polo tanto, cara aí debe dirixirse a política pública.

 Todo é unha falsidade absoluta da realidade. Desde os fundadores da escola clásica da Economía Política sabemos que o capital é "traballo acumulado"; polo tanto, é o "traballo" o que xera a produción e o propio capital. Non é o capital o que xera a riqueza, senón que é o traballo o que xera a riqueza e o propio capital. O diñeiro por si mesmo non produce ganancia, aínda que así aparece no proceso financeiro e na especulación. O diñeiro do investidor só produce ganancia e acumulación na medida en que pode comprar a forza de traballo e articulara, precisamente, no proceso de traballo cos medios de produción (edificios, maquinarias, ferramentas, materiais, materias primas, etc.).

 A relación de produción entre o investidor, propietario dos medios de produción, e as persoas que venden, no mercado, a forza de traballo é a relación capital - traballo, ou relación de explotación que explica a dinámica de produción material e de ganancias no capitalismo. Non hai segredo, o enigma do capital é a necesaria reiteración desa relación social de explotación. O capital necesita que se materialice cotiá e reiteradamente o proceso de traballo, que haxa produción, senón, non hai plusvalía ou a posibilidade de apropiar ganancias. Trátase dun proceso de produción e circulación, de relacións económicas monetario-mercantís, que na súa dinámica escamotea a subordinación do diñeiro á relación capitalista de produción.

 En rigor, o problema que se evidencia nestes tempos de paro da produción é que sen traballo humano non hai posibilidade de producir ganancias e, polo tanto, póñense atrancos á acumulación. Por iso é polo que os propietarios de medios de produción demandan a volta ao traballo e se preocupan polo impacto da recesión. Din preocuparse pola vida cotiá da poboación, cando o que deixan entrever é a perda das súas ganancias e ingresos, e con iso a imposibilidade da acumulación. A presión miserábel conduce a levantar a corentena, que polo de agora se estende en Arxentina até fins de abril e gaña espazo como acción preventiva en todo o mundo, cando xa se superan os 100.000 falecidos por coronavirus, ou se se quere pola desaprensión do infrafinanciamento da saúde pública.

 A incerteza sobre a evolución da pandemia esixe discutir máis a fondo a orde económica e social capitalista que, deliberadamente, infrafinanciou a saúde pública en favor doutros negocios, inservíbeis e improdutivos para a sociedade, pero rendíbeis para os investidores capitalistas, caso da produción e circulación de armas, drogas ou persoas (trata).

Saúde pública ou negocios para o capital

 Resulta urxente xerar condicións de funcionamento do sistema de saúde pública, destruído durante case medio século de políticas "neoliberais", que, privilexiando o mercado, a iniciativa privada, co obxectivo exclusivo de xerar ganancias, permitiron a transformación dun "dereito" á saúde, nunha mercadoría que se compra e se vende no mercado. Un mercado que se manexa con moeda, con diñeiro.

 A corentena ten sentido preventivo en materia de saúde, pero tamén para restaurar capacidade de atención sanitaria do sector público. A destrución non é só da xestión anterior de Mauricio Macri, senón legado da liberalización monetarista desde tempos da xenocida ditadura de 1976. Saúde e educación son entre outros dereitos sociais, os afectados pola liberalización da economía. Agás excepcións limitadas, a constante da organización socioeconómica, neste medio século, transcorreu cunha orientación favorábel á acumulación privada.

 Preocupa ao poder económico a continuidade da acción preventiva en materia de saúde, pola recesión, pola caída da produción. Non lles preocupa o emprego, xa que aínda con prohibición de despedimentos, a norma pasa polos despedimentos, as suspensións ou as reducións do ingreso de traballadoras e traballadores ante a mingua da produción. Argumentan que vimos de dous anos de recesión e que neste 2020 a caída poderá abalar entre o 3,5% e o 4,5%. Máis aló da Arxentina, a recesión é mundial. Kristalina Georgieva anticipa o que será o informe da perspectiva mundial que se difunde na reunión de primavera do FMI e o Banco Mundial. A Directora Xerente do organismo anticipa o que dirá o documento[1]: "Hai apenas tres meses, esperabamos para 2020 un crecemento positivo do ingreso per capita en máis de 160 dos nosos países membros. Hoxe, ese número deu unha viraxe de 180º: agora prevemos que máis de 170 países experimentarán un crecemento negativo do ingreso per capita este ano"-

 Engade a ese prognóstico o dato da saída de capitais de países emerxentes na súa procura de "seguridade" nos principais países do capitalismo mundial: "Nos últimos dous meses, saíron dos mercados emerxentes aproximadamente 100.000 millóns de dólares de investimentos de carteira, monto máis de tres veces maior que no mesmo período da crise financeira mundial".

 Nin sequera China poderá moderar a caída deste ano, xa que aínda agora comeza a normalizar o paro da produción nas zonas de peche económico sanitario preventivo, nomeadamente Wuhan e a provincia de Hubei.

 Pola súa banda, a OIT sinala[2]: "O posíbel aumento do desemprego mundial durante 2020 dependerá de xeito considerábel da evolución futura e das medidas políticas que se adopten. Existe un risco elevado de que para final de ano a cifra sexa significativamente máis alta que a previsión inicial da OIT, de 25 millóns de desempregados". E engade: "Máis de catro de cada cinco persoas (o 81 por cento) dos 3.300 millóns que conforman a forza de traballo mundial están sendo afectadas por peches totais ou parciais do seu lugar de traballo".  

 O debate entre saúde e economía, é falso, ruín e miserábel, e elude o debate do que facer na conxuntura e máis aló no tempo para superar os problemas do presente.

Quen financia o paro obrigado e como seguir?

 Resulta saudábel o debate aberto agora na Arxentina sobre a imposición ás grandes fortunas, o 1% da poboación local, sobre quen debe recaer un aporte especial para atender os gastos da pandemia e o paro transitorio da capacidade de producir.

 Requírese, ademais, a longo prazo discutir o modelo produtivo e de desenvolvemento, tanto como o sistema financeiro e a inserción internacional do país. A situación de urxencia demanda este debate, evitado durante anos de escurantismo e hexemonía rebordada de ideoloxía e política neoliberal, forma manifesta do desenvolvemento capitalista contemporáneo.

 Pensar e construír máis aló do capitalismo constitúe un desafío para o pensamento crítico e a práctica pola emancipación dos pobos.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] FMI. "Afrontar a crise: Prioridades para a economía mundial". Por Kristalina Georgieva, Directora Xerente do FMI. Washington, DC. 9 de abril de 2020, en: https://www.imf.org/es/News/Articles/2020/04/07/sp040920-SMs2020-Curtain-Raiser (consultada o 11 de abril de 2020).

[2] "OIT. A COVID-19 causa perdas devastadoras de empregos e horas de traballo", 07/04/2020, en: https://www.ilo.org/global/about-the-ilo/newsroom/news/WCMS_740920/lang–es/index.htm (consultado el 11 de abril de 2020).

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 13 de abril de 2020]

Volver