Os orzamentos da Xunta non contemplan medidas para paliar a emerxencia económica que padece Galiza

A CIG denuncia o discurso grandilocuente e sen propostas para atender as necesidades do país
Nacional - 15 Out 2019

O conselleiro de Facenda presentou esta mañá ás organizacións sindicais as liñas xerais dos orzamentos de Xunta de Galiza para 2020. Unha cita que se repite ano tras ano, sen que se achegue documentación algunha, máis alá das consideracións “optimistas e grandilocuentes” dos representantes da consellaría, exacerbadas desta volta ao engadir, ás partidas dos últimos anos, un incremento do teito de gasto de máis de 310 millóns de euros que a CIG atribúe a partidas propagandísticas con fins puramente electoralistas.

Así o avaliou, ao inicio da súa intervención na xuntanza, a secretaria de Organización, Susana Méndez, que representou á CIG, xunto coa responsábel do Gabinete de Economía, Natividade López. Unha reunión na que denunciou que a situación de Galiza é hoxe peor que no ano 2008, tal e como evidencian todos os indicadores, e da que responsabilizou, por unha banda á ausencia dun goberno no Estado mais tamén, e sobre todo, á “inacción do goberno galego, máis preocupado por aparentar unha posición critica que por exercer as súas competencias”.

Neste sentido, Méndez subliñou que hoxe se consolidan os empregos precarios, de escasa duración e mal remunerados; perden peso as rendas salariais no conxunto do PIB; desmantélanse os sectores produtivos básicos; destrúese tecido industrial, co peche de empresas como Poligal ou Vulcano, entre outras, e ameázase a continuidade do pouco que queda pola falta dunha política industrial de país (industrias electrointensivas, automoción, naval público e privado, como Barreras…)

A secretaria de Organización botoulle en cara, ademais, que diante desta desfeita as únicas saídas que se formulan para Galiza se centren no fomento da eucaliptización e do turismo depredador e de baixo custe, co camiño de Santiago como a grande solución. Alén de fiar a creación de emprego e a dinamización económica ás decisións de Citroën e do Grupo Inditex. “Non hai ningún novo proxecto que nos encamiñe a que o sector industrial alcance o obxectivo do 20% do PIB no ano 2020, marcado pola UE”, asegurou.

Emerxencia económica, social e industrial

Fronte a isto, denunciou a pasividade do goberno do PP ante a desaparición de procesos produtivos completos, como o téxtil, que nos últimos 10 anos deslocalizou de xeito maioritario a fabricación; a concentración e centralización fóra de Galiza de sectores como o financeiro ou o das telecomunicacións ou o desmantelamento de actividades estratéxicas como a produción de aluminio, as ferroaliaxes ou a xeración de electricidade, coa paralización das centrais de Meirama e As Pontes, sen presentar alternativas industriais.

Tamén lembrou a situación do sector eléctrico. Neste sentido asegurou que agora o goberno tería a oportunidade de demostrar que realmente están polo labor de que Galiza recupere o valor engadido que xeran os seus recursos apoiando a aprobación da ILP promovida pola CIG para a reversión para o público dos saltos hidráulicos cuxas concesións están caducadas xa hai tempo ou van caducar en datas próximas.

Fracaso da Lei de Fomento Empresarial

Méndez lembrou ademais o fracaso da chamada Lei de Fomento Empresarial, anunciada como a panacea no seu día e demandou, para afrontar a grave situación de desmantelamento empresarial e industrial, que o goberno faga súas as recomendacións do CES, recollidas no documento pola Alianza no Sector Industrial Galego, para que se poida traballar así “por unha industria forte que poida xerar emprego estábel e permita frear a saída de mocidade a outros territorios, favorecendo que a xente nova, en idade de procrear, vexa un futuro no que manter unha familia sexa viábel. Porque agora mesmo non o é”.

Responsabilizou ademais ao goberno do PP da emigración da mocidade pola inestabilidade do emprego e o aumento da precariedade, que impide reter o talento. Unha situación que se constata no RIS 2019 (o informe de indicadores de innovación das rexións europeas), onde se reflexa que “Galiza só está competindo en canto a salarios baixos, porque en innovación, está por detrás de Portugal en practicamente todos os indicadores”. Por iso demandou “un golpe de temón en políticas industrias e de emprego” e lamentou que non se aproveiten os orzamentos para facelo.

Privatización de servizos públicos

A secretaria de Organización da CIG reiterou que os orzamentos continúan na senda privatizadora, destinando cartos para o ensino privado, as entidades privadas de prestación sociosanitaria e a sanidade privada, como se confirma cando aplauden a venda de POVISA ou desvían doentes á concertada.

No que respecta ao ensino, reclamou a fin e a paralización dos orzamentos directos e indirectos en favor da ensinanza privada e concertada e que se dediquen eses cartos ao ensino público. Xunto a isto demandou que se incrementen as partidas para paliar a emerxencia lingüística que vivimos porque, “non pode ser que o ensino se teña convertido nun enorme axente desgaleguizador”.

Susana Méndez demandou partidas para a dependencia porque continúa habendo miles de persoas pendentes de valoración, e miles tamén que, cunha valoración positiva, seguen sen acceder ás prestacións. A este respecto denunciou que “unha atención adecuada á dependencia non pode basearse en agasallos de empresarios, senón que ten que ter a súa fortaleza nuns orzamentos públicos acaídos”.

A secretaria de Organización concluíu subliñando que, para a CIG, “son necesarios uns orzamentos que recollan medidas para crear emprego digno, para potenciar os nosos sectores produtivos, para fixar poboación no rural, para eliminar desigualdades sociais, ou para frear a sangría da emigración”. Medidas que, lembrou, vén ofrecendo a central sindical, desde hai anos, sen que foran escoitadas porque “este goberno non quere saber nada de medidas reais para o desenvolvemento de Galiza, só buscan aparentar esa realidade paralela na que viven, mentres galegas e galegos sofren as consecuencias das súas nefastas políticas”.