"Os Orzamentos do Estado confirman o desprezo e o abandono da Ría do Burgo"
Un ano máis, a Ría do Burgo queda relegada nos Orzamentos Xerais do Estado, adiándose outra vez as necesarias actuacións para a súa rexeneración integral. A partida económica consignada para este 2017 é menor da prevista nos orzamentos de 2016, nos que constaban dous millóns de euros para o presente exercicio. Porén agora o goberno destina un insuficiente millón de euros para a Ría que, por se non fora abondo, como sempre quedará sen executar.
O goberno español, ademais, atrasa a conclusión da limpeza e rexeneración da Ría até o ano 2020. Esta decisión confirma o que a Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo (da que a CIG fai parte) leva tempo denunciando: o abandono e a falta de interese do goberno do PP por acometer as tan necesarias actuacións na ría do Burgo.
"Amosa así un desprezo total cos mariscadores e mariscadoras que malviven traballando nas augas da ría, mais tamén co conxunto da cidadanía dos concellos afectados, que sofre as consecuencias de convivir cos gravísimos problemas ambientais que sofre esta zona", critican.
Parálise do proxecto de dragado
Neste novo atraso previsto nos Orzamento hai que enmarcar a parálise do proxecto de dragado integral. Segundo os compromisos adquiridos polas administracións, a máis tardar, no primeiro trimestre deste ano as máquinas deberían estar dragando na ría. Porén, trece meses despois de rematar o período de alegacións, o proxecto atópase estancado no estudo de impacto ambiental, sen que nin Ministerio nin a Consellaría de Medio Ambiente teñan interese por avanzar na súa elaboración.
"Lamentabelmente, día a día confírmase que as administración están enredando para non afrontar a execución do dragado integral, paso imprescindíbel para lograr a rexeneración, recuperación produtiva, medio ambiental e de ocio da Ría do Burgo", alertan.
A Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e a Agrupación de Mariscadores/as da Ría levan anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da Ría do Burgo e das consecuencias negativas que ten no medio ambiente, na economía e no marisqueo. "Pero esta demanda segue sen ter unha resposta adecuada por parte do goberno español".